
A Denominación de Orixe Valdeorras pecha a vendima 2025 cunha uva “de saúde e calidade excelentes”, superando os 7.530.000 kilos recollidos, a pesar dos incendios forestais que afectaban á comarca, a poucos días de comezar a campaña, segundo informa o seu consello regulador.
Especialmente destacada é a produción de godello, xa que nesta campaña rozáronse os seis millóns de kilos, achegándose aos 6.069.000 do ano pasado. O presidente da Denominación de Orixe Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, amosaba a súa satisfacción pola “condición extraordinaria da uva que obtivemos nesta vendima; pese a todo o mal que o pasamos cos incendios, soubemos saír da situación”.
Do mesmo xeito pronunciábase o director técnico da D.O., Jorge Mazaira. “A uva deste ano conta cunha saúde moi boa, porque non tivo ningún tipo de enfermidade”. Isto, xunto cunha colleita dae froita madura en óptimas condicións, nun tempo “cuxa temperatura acompañou”, contribuíu “á obtención dun produto moi equilibrado”.
Nese senso, engade, “os datos falan dunha campaña que logrou compensar as condicións desfavorables que vivimos preto da vendima, cun traballo ben feito e coa entrada de 40 hectáreas máis de terreo adicado á uva godello. Está claro que a godello continúa o seu crecemento imparable na nosa comarca”.
En canto ás outras variedades, sobresae a mencía, con 853.753 quilos, a garnacha tintureira con 359.838 quilos, a palomino con 316.022 quilos, e as variedades minoritarias que suman 73.072 quilos.