O pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras aprobaba na sesión celebrada na mañá deste 25 de outubro o novo plan estratéxico promocional desta entidade, que se desenvolverá nos próximos tres anos: do 2025 ao 2027. “O obxectivo é visibilizar e potenciar os atributos que fan diferente á nosa denominación de orixe, consolidando a súa posición como unha denominación de referencia ea Galicia, España e a nivel internacional. Durante os próximos tres anos levaranse a cabo acción dirixidas a conectar cos públicos máis relevantes en mercados claves, amosando precisamente aquilo que nos fai diferentes”, aseguraba tras o pleno, o presidente do consello valdeorrés, José Ramón Rodríguez, que estaba acompañado pola secretaria da entidade, Patricia de Andrés.

Deseguido, Jesús Alaba, responsable da empresa vasca especializada en consultaría que desenvolve o plan, explicaba como foi o proceso de elaboración do mesmo. “Foi un traballo moi meticuloso, moi profundo que vimos realizando dende hai un ano. O traballo de campo empezouse en abril e fixéronse unha cantidade importante de entrevistas tanto a adegas da denominación, a persoal técnico… houbo un labor moi profundo de contacto e de información, contacto e entrevistas, tamén se realizou un estudo de mercado, no que obtivemos información sobre o consumidor final e o seu coñecemento da D.O. E con todos estes datos elaboramos un diagnóstico moi sólido que compartimos co consello e que nos permitiu definir os obxectivos que comentou o presidente”.
A idea é construír un posicionamento diferencial da D.O. para desenvolver un volume de vendas a nivel de Galicia, España e a nivel internacional. “Desenvolveuse un plan moi detallado, definindo cales son os piares sobre os que se vai construír nos vindeiros tres anos e plantéxanse un número importante de accións para a consecución dos obxectivos do plan”, engadía o consultor.
Novas tirillas da DO Valdeorras
Neste mesmo acto de presentación, o CRDO Valdeorras daba a coñecer as súas novas tirillas e as novas etiquetas de viño xenérico que usa entidade nos seus eventos, o que constitúe o “último paso do plan de renovación total da imaxe do consello no que levamos inmersos case un ano. De feito mañá cúmprense 11 meses da presentación no Centro Cultura Avenida da Rúa do vídeo da campaña da D.O. Valdeorras co lema “O godello é de Valdeorras e agora tamén é teu”. Gustou tanto que xa comezamos hai uns días a gravar imaxes para un segundo spot desta campaña na que os protagonistas serán viticultores da zona”, dicía o presidente.

O deseño das novas tirillas é obra de Bacigalupe Hermanos, que “desenvolveu, dándolle continuidade ao deseño vixente e buscando aportar unha imaxe máis moderna á D.O., pero cunha conexión directa coa precinta anterior e traballando sobre as medidas da tirilla. O deseño do logo está enmarcado entre as variedades e o holograma de máxima seguridade, que é semellante ao que usan os billetes de curso legal, para dificultar ao máximo o perigo que supón calquera tipo de falsificación e así evitar o fraude. Recupéranse tamén as oito follas orixinais, que representan aos oito concellos que pertencen á D.O.”.
