EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeosViticultura

A D.O. Valdeorras presenta unha nova imaxe que aposta pola modernidade “sen deixar de lado a nosa esencia”

O conxunto de pezas que forma parte desta campaña de comunicación e imaxe xiran en torno a un mesmo concepto: o valor do pequeno

 

Catro capas superpostas de diferentes cores (granate, amarelo, verde e negro) que buscan simbolizar a conxunción de elementos que entran en xogo na elaboración dos viños, xunto ao nome Valdeorras, Denominación de Orixe. Así é a nova imaxe de marca desta D.O., que se presentaba esta mañá na sede do seu consello regulador, en Vilamartín.

Esta iniciativa supón “unha aposta por darlle o valor que cremos”, en palabras de Marcos Prada Ginzo, presidente do CRDO, quen a enmarcaba “dentro dun Plan de Promoción que contemplou diferentes accións durante estes últimos anos”.  Dito Plan, poñíase en marcha a finais do ano 2023, cando a D.O. presentou a súa nova campaña “O godello é de Valdeorras, e agora tamén é teu”, con diversas accións promocionais e publicitarias. Máis tarde, tamén presentouse unha nova versión da web corporativa.

 

 

 

A nova imaxe de marca “quere transmitir modernidade, sen deixar de lado a esencia do que somos”, sinalaba Prada Ginzo, quen se refería tamén ao lema, “o eslogan O valor do pequeno, centrado nos detalles, nas pequenas parcelas de pequenos viticultores que elaboran grandes viños, con mimo, esforzo e dedicación”.

 

 

Pola súa banda Miguel Rego, o director da axencia La Pera, responsable do deseño, contaba que “o máis complexo do proxecto foi conseguir que todas as pezas que forman parte desta campaña de comunicación e imaxe xirasen en torno a un mesmo concepto: o valor do pequeno. O obxectivo era poder transmitir con éxito a idea de que o que fai única a D.O. Valdeorras é precisamente a suma de todos os pequenos detalles que a compoñen: os seus viticultores co seu saber facer de décadas, a incrible variedade de solos, as importantes diferenzas entre cada parcela (altitude, orientación, tamaño…); e os diferentes climas da zona. Todos estes elementos tiñan que unirse nunha perfecta fusión que permitise transmitir ese concepto de o valor do pequeno. Cada botella aquí é un tesouro que hai que conseguir, que hai que perseguir”.

 

 

 

Ademais, o deseñador Miguel Rego comentaba que “é importante destacar que as catro bandas, os catro elementos de diferentes cores que forman esta nova imaxe, non son regulares. E son diferentes do mesmo xeito que cada parcela ten a súa forma e a súa inclinación, cada viticultor ten unha forma diferente de traballar, cada chan aporta unhas características únicas; e cada clima ofrece uns valores diferenciais. Todo iso unido, é o que lle da esa singularidade e calidade excepcional aos viños de Valdeorras”.

 

 

 

E explicaba que a elección das cores non foi algo ao azar, senón que se identifican coas singularidades das paisaxes da comarca. O resultado, concluía, é un deseño que compón “unha imaxe curiosa que se sae un pouco do normal, para diferenciarnos como consello regulador”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

 

Back to top button