“Cremos firmemente que a D.O. Valdeorras merece ser descuberta, coñecida e valorada como corresponde”, así de de claro se manfiestaba o presidente do seu consello regulador, Marcos Prada, na apertura da XXVI Feira do Viño de Valdeorras este mediodía na praza Otero Pedrayo de Viloira (O Barco), nun acto que contaba con numerosas autoridades, tanto do eido estatal, como galego e provincial.
Unha mostra que se enmarca ademais na celebración de varios aniversarios moi especiais para esta zona produtiva, tal e como recordaba o presidente. Por unha banda, o 80 aniversario do recoñecemento de Valdeorras como D.O. e, pola outra, o medio século do Plan REVIVAL, que permitiu rescatar e promover a variedade godello, da man de Horacio Fernández Presa e do seu equipo na daquela Extensión Agraria no Barco. “Iso marcou un antes e un despois na forma de facer viño na comarca e que recuperou a uva godello para Valdeorras e para o mundo”, resaltaba Prada, que tamén se refería ás singularidades desta denominación. “Cada pequena parte do proceso que ten como fin o nacemento do viño suma un valor incalculable, iso é o valor do pequeno, o que define aos nosos viños. Por unha banda, un territorio de contrastes, cunha diversidade de climas, solos, altitudes e orientacións, que aportan riqueza e personalidade. Por outra as variedades autóctonas, como a godello, da que Valdeorras é o seu berce, e a mencía, que atopou nesta terra a súa mellor expresión”.
Prada non esquecía tampouco a aposta pola variedade godello en Valdeorras. “Un resultado que se debe a unha dedicación cada vez máis especializada esta uva que derivou nun aumento da superficie de produción. O sector vitivinícola é un dos sectores máis importante da comarca e tamén da provincia porque contribúe á súa riqueza, por iso non debemos escatimar os esforzo e o respaldo no que a viticultores e adegueiros se refire, porque vós sodes as pezas da engranaxe que nos fai dar cara adiante”.
Ademais, resaltaba a relevancia da Feira do Viño de Valdeorras, que tras 26 edicións, “converteuse en cita obrigada, en punto de encontro para os visitantes que se desprazan dende moitos lugares” e nunha “plataforma cada vez máis afianzada para a promoción dos nosos viños”.
A súa intervención abria un acto inaugural no que tomaban a palabra diversas autoridades, como a deputada delegada especial para Valdeorras da Deputación de Ourense e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, quen amosaba ou seu “profundo orgullo do gran prestixio e do excelente nivel que demostran os viños da nosa comarca en todos os concursos nacionais e internacionais nos que participan, temos os viños brancos máis premiados de España e non o son por casualidade, senón porque o godello de Valdeoras é o mellor viño branco do mundo. E iso sen esquecernos dos nosos tintos, que se están consolidando ano a ano grazas ao excelente traballo diario dos nosos viticultores e adegueiros”.
Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García, aludía á pregoeira, lembrando que con 12 anos participaba no Descenso do Sil por vez primeira. Ademais referíase a evolución e á calidade dos viños de Valdeorras, incidindo en que “hoxe na comarca a viticultura é un modo de vida” e os seus éxitos son “mérito de viticultores e adegueiros”.
Tamén tomaba a palabra no acto o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen apuntaba esta mostra vitivinícola constitúe o “o escaparate máis importante dos viños de Valdeorras, desa gran expresión que supón todo este acontecemento e da vitivinicultura dun territorio, que é a segunda D.O. máis antiga de Galicia e que conta cun potencial moi especial”.
Ao mesmo tempo, lembraba como este vento nacía hai 26 edicións “no concello veciñosda Rúa e foi medrando ata converterse nese gran crisol de todas as experiencias vitivinícolas arredor da D.O. Valdeorras. E, dende as distintas institucións, en colaboración coas empresas e cos produtores, imos dar un paso máis cara ese enoturismo no que estamos traballando en colaboración con institucións como o Goberno central a través dos fondos Next Generation, que nos están permitindo levar adiante un plan de sostibilidade turística relacionado con esa características como son as covas, e poñer en valor turístico todo este gran potencial que temos. É un traballo perfectamente coordinado entre as tres administracións: a central, a autonómica e a administración local, que xa está permitindo obter resultados que nos di que Valdeorras vai ser unha das zonas máis visitadas arredor do enoturismo e estamos precisamente sentando eses vimbios e esperamos que pronto poidamos colleitar moitos éxitos”.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, sinalaba que esta feira “non só é unha mostra da riqueza destes viños, senón tamén un reflexo da alma e da historia desta terra, da súa xente e da súa tradición vivitivinícola que se remonta á etapa do Imperio Romano”. E, nese marco, matizaba que “Valdeorras é sinónimo de calidade dende hai séculos, os peregrinos que transitaban polo Camiño de Santiago xa falaban do exquisito viño que se facía nestas terras e da beleza das montañas e dos vales atravesados polo Sil. A orografía e o clima son dous elementos fundamentais para que o viño de Valdeorras, teña o corpo e a variedade de gustos que o caracterizan, pero se hai algo que o fai especial é a paixón e o compromiso de xeración de viticultores que coidaron con mimo as viñas, transmitindo o seu legado de pais a fillos”.
Gómez resaltaba que “cada copa de viño que chega á mesa dos consumidores leva detrás unha historia de sacrificio e de heroicidade, é unha cuestión de amor pola terra. E se hai unha protagonista nesta historia é a uva godello, herdeira daquelas cepas que introduciron os romanos, e supervivinte a pragas, século tras século, e que hoxe é clave do éxito nacional e internacional dos viños de Valdeorras. En poucos anos o godello pasou de ser un descoñecido a exportarse a todos os países do mundo, a percibir os premios máis importantes do sector a nivel nacional e internacional”.
A quenda de autoridades completábase co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, quen aseguraba que “cando escoito falar dos viños de Valdeorras, de premios internacionais, de recoñecementos técnicos a verdade é que me sinto tremendamente orgulloso como galego e como responsable público, moitos éxitos que vendima a vendima colleitades os produtores desta terra, logros todos eles co mérito engadido de pertencer a un sector moi competitivo, cada vez máis, e un sector cada vez máis internacionalizado e froito dun compromiso activo co produto e cos consumidores”.
Insistía tamén en que “Valdeorras hoxe é sinónimo de viños de calidade” e recoñecía o esforzo e labor do seu consellor regulador en apostar “pola calidade e polo esmero, un camiño no que contades co apoio das institucións públicas”. Finalmente, referíase á Feira do Viño de Valdeorras como “o mellor escaparate de todo o factor humano que está detrás dos viños de Valdeorras, dos homes e das mulleres que fixeron da súa paixón e amor pola terra unha profesión, pero tamén un distitinto de calidade de Galicia. Asumo a responsabilidade de difundir a tradición dos viños desta terra que tanto aprecio”.
O acto inaugural da feira finalizaba co pregón, que nesta edición corría a cargo da piragüista olímpica Teresa Portela, quen expresaba a súa “profunda emoción e fondo agradecemento” por ter sido escollida com pregoeira desta edición. Deseguido, comentaba que “a miña historia como piragüista entrelázase coa historia deste pobo, deste río e destas viñas, porque o Sil non só se navega, vívese, séntese e celébrase, hoxe reúnemos o orgullo dunha terra xenerosa, de viñas vellas de raíces fondas, de xeracións que labraron esta comarca coas súas mans, coa súa alma e co seu viño”.
E, no decurso do discurso comparaba o proceso e traballo que hai detrás dun bo viño coa preparación dun deportista de alto nivel. “Conseguir o viño dunha D.O. e como o camiño longo dunha deportista que se prepara para os xogos olímpicos, a viticultura e o deporte falan o mesmo idioma, sacrificio, paixón e entrega”.
A inauguración concluía cun brinde das autoridades e, a partir de aí, abría comezaban as catas nas casetas das 18 adegas da D.O. Valdeorras que participan nesta edición da mostra. O recinto tamén conta con outros expositores, algúns deles con produtos de calidade galegos.

Pola tarde o recinto reabrirá a partir das 20h. e está prevista ás 20:30h. unha cata dunha selección de viños da D.O. Valdeorras maridados con produtos de “Experiencias de Calidade de Galicia” nos Xardíns da Casa Grande de Viloira. Xa ás 23h. actuará o grupo Dani Barreiro & Friends.
Fotos: A.R.
Vídeos: O SIL.
En breve ampliarase galería fotográfica.
