En portadaÚltima horaVídeos

A D.O. Valdeorras reivindica na apertura da feira do viño a súa tradición vitivinícola “documentada e continuada” e a identidade do godello

A mostra, que cumpre 27 edicións, inaugurábase esta tarde co pregón a cargo do actor valdeorrés Christian Escuredo

 

Valdeorras é un territorio “cunha tradición vitivinícola documentada e continuada ao longo de máis de mil anos de historia”, no que “non só se recuperou a godello, co Plan REVIVAL, senón que se consolidou e se proxectou ao mundo, converténdose no seu gran sinal de identidade máis recoñecido. Unha variedade que Valdeorras non só recuperou, senón que soubo consolidar e presentar ao mundo”. O presidente do seu consello regulador, Marcos Prada Ginzo, reivindicaba deste xeito a tradición vitivinícola da D.O. Valdeorras no acto inaugural da súa XXVII Feira do Viño, que tiña lugar esta tarde de 29 de maio no campo da festa do Barco.

 

 

“Sobre esta base histórica constrúese tamén a nosa identidade institucional”, engadí, lembrando que esta denominación era recoñecida en 1945, o que a sitúa entre unha das máis antigas de España. Ademais recordaba un a un, os nomes dos diferentes presidentes que o precederon no cargo. “Todos nós representamos distintas etapas e un mesmo compromiso colectivo coa defensa e proxección dos viños de Valdeorras”.

 

 

Así mesmo, Marcos Prada resaltaba que hoxe a “Feira do Viño de Valdeorras consolídase como un dos grandes espazos de encontro, celebración e proxección dos viños do noso territorio”, comentando como foi evolucionando o seu formato e que nesta edición incorpora “novidades moi relevantes, como a ampliación á tarde do venres, e pasa ao Campo da Festa do Barco, para abrir aínda máis á feira á cidadanía”. E concluía asegurando que “Valdeorras non é só pasado, nin presente é, sobre todo, futuro”.

 

 

Durante a inauguración estiveron presentes a conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles Remy; a delegada especial para Valdeorras da Deputación de Ourense, María Carmen González; o alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso; e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Marcos Prada; entre outras autoridades como Martín Alemparte, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria; Emma González, xerente do Inorde; así como varios deputados autonómicos e provinciais, ademais de alcaldes e concelleiros, que percorreron as casetas das adegas participantes e saudaron aos asistentes durante esta primeira xornada.

 

 

 

Tras o discurso de Prada Ginzo, tomaba a palabra a deputada delegada especial para Valdeorras da Deputación de Ourense, María Carmen González, quen incidía no “gran prestixio e excelente nivel que teñen os viños valdeorreses tanto nos concursos nacionais e internacionais”, resaltando nese senso no labor e esforzo de viticultores e adegueiros.

A continuación, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientaba a importancia que esta feira do viño está a ter cada ano para impulsar a comarca de Valdeorras, “que demostra en eventos como este todo o seu potencial turístico. Será un atractivo importante para un tipo de turismo especialmente interesante e que temos moi en conta na Xunta de Galicia, o turista enogastronómico e os viaxeiros que busquen a autenticidade do rural galego e ourensán”. E aseguraba que un dos tesouros que ten a comarca é o seu viño.

 

 

Así mesmo, subliñou que “a Feira do Viño converteuse nun dos grandes espazos de encontro, proxección e celebración dos viños do noso territorio”, e sinalou que nesta edición cóntase coa participación de 22 adegas, “a cifra máis alta da última década, o que evidencia o bo momento do sector”. Así mesmo lembraba outras iniciativas que están a impulsar a este distinto enoturítico, como é o caso da Primavera das Portas Abertas, celebrada en maio “con grande éxito”. Aludía ademais o apoio da Xunta para impulsar o enoturismo e que “sexa un dos recursos importantes e que nos axude a medrar máis economicamente porque a calidade do viño de Valdeorras ben o merece”.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, facíase eco do lema desta edición da feira do viño, “Regodéllate”, isto “fai pensar nunha fase que escoito con moita frecuencia por aí fóra, que o godello está de moda. Pois non é verdade, porque as modas son algo efémero e que medra rapidamente, ás veces, son unha estratexia comunicativa, por iso o godello é algo ben distinto”.

 

 

A partir de aí referíase á recuperación da variedade. “Valdeorras sempre lle foi fiel á godello e teimou en recuperar a súa fortaleza monovarietal”, e apostando sempre “pola calidade do produto. “Cada nova adega, cada viticultor que plantaba godello, cada innovación tecnolóxica compartíana cun respecto pola calidade”. Por iso o godello e o viño de Valdeorras, dicía, “é a perfecta mestura de tradición e innovación”. E convidaba ao sector a aproveitar as novas oportunidades “e aí está o Goberno de España disposto a axudar”, con diversos plans.

 

 

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, aseguraba que os viños de Valdeorras “levan tempo situándose entre os máis recoñecidos nos grandes certames, onde se valora o labor ben feito e a calidade que hai detrás de cada botella”. Todo isto, salientou, grazas ao traballo de toda unha comarca, “dun saber facer colectivo que combina tradición e innovación, e por iso triunfa”.  Gómez enmarcou esta riqueza “na forma de facer e de sentir que representa tan ben a Galicia Calidade da que nos sentimos tan orgullosos”.

Finalmente o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, daba á benvida a esta feira, apuntaba os cambios desta edición, e pedía unha maior implicación no sector na feira, asegurando que das case medio cento de adegas amparadas polo consello, na feira participan só 22.  “Se hai un éxito da feira, o éxito será noso tamén”.

O pregón

O actor e cantante valdeorrés Christian Escuredo foi o encargado de pronunciar o pregón do acto inaugural, nunha intervención cargada de lembranzas familiares vinculadas ao viño e, en especial, ao seu avó de Soulecín, e tamén salpicada de notas de humor. E remataba convidando a desfrutar dos viños valdeorreses e cantando “O andar Miudiño”.

 

 

Despois tiña lugar o brinde inaugural das autoridades e o percorrido polas diferentes casetas das adegas, así como polos cinco postos de Artesanía Alimentaria. Pola noite está previsto o concerto do Grupo América, xa pola noite.

Fotos: Carlos G. Hervella

Vídeos: O SIL.

 

 

 

Back to top button