
A capital danesa acollerá o vindeiro mércores, 11 de xuño, o I Salón dos Viños e Augardentes de Galicia en Dinamarca, un showroom impulsado pola Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das II.XX. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Acruaga) que conta co respaldo da Xunta, a través do IGAPE, e se desenvolve en colaboración coa Unión Española de Catadores (UEC). Coa súa participación no evento, o Consello Regulador busca promocionar e fortalecer a internacionalización dos seus viños.
Ata Copenhague viaxarán un total de 25 referencias de viño da Denominación de Orixe Valdeorras, xunto con outras 100 de adegas das demais denominacións de orixe da comunidade autónoma (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Ribeiro), así como 25 referencias de empresas comercializadoras de destilados amparadas polas Indicacións Xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Xuntas, formarán un total de 150 referencias, as que se poderán degustar nunha xornada que se desenvolverá de 11:00 a 15:00 horas (horario local).
O obxectivo desta acción promocional é “achegarnos ao mercado danés e atraer así ao maior número de profesionais posible”, tal e como sinala Antonio Lombardía, presidente do Consello Regulador Ribeira Sacra e máximo responsable de ACRUAGA.
“Tras o éxito das anteriores edicións deste salón, celebradas en cidades como Ámsterdam, ou en Londres o pasado mes de novembro, consideramos interesante darlle continuidade a esta idea, en colaboración coa UEC, nesta ocasión en Copenhague, buscando unha vez máis, a internacionalización dos nosos viños e destilados e favorecer, así, o dinamismo económico e as exportacións do sector”, detalla Lombardía quen, ademais, agradece ao IGAPE “a súa implicación para que esta iniciativa se teña convertido nunha realidade”.
Calidade e diversidade
O I Salón dos Viños e Augardentes de Galicia en Dinamarca pretende amosar a un público profesional a calidade e diversidade das elaboracións da Galicia vitivinícola, coa súa forte impronta atlántica, así como os destilados feitos no país.
ACRUAGA -que naceu en 2021- activou esta acción promocional no marco dun convenio firmado co IGAPE, con diferentes obxectivos, entre eles o de favorecer e impulsar o grao de coñecemento dos viños e licores galegos a través de accións de visibilización, divulgativas e formativas conxuntas en diferentes puntos de España e do estranxeiro.