A son das gaitas, pandereitas e da percusión tradicional, as ancestrais figuras do Meco (acompañado por un Mequiño) e das Pampórnigas (unha parella de xigantes) volvían danzar polas rúas da Ermida (Quiroga) a partir das 13h. deste 8 de setembro. Abríanlle paso á procesión da Romería da Ermida, na honra de Nosa Señora dos Remedios, portada por un grupo de mulleres vestidas con traxes tradicionais e tamén por algunha muller “amortallada”, que ía ofrecia á Virxe.
Numerosas persoas sumábanse a esta celebración, que se iniciaba xa con varias misas previas e co ofrecemento de candeas á Virxe. Despois, ás 13h, tras a procesión que daba unha volta pola localidade, tiña lugar a misa maior.
Xusto cando a comitiva relixiosa chegaba ao templo, tiña lugar outro dos momentos máis singulares desta romaría. Cando a Virxe entraba na igrexa, tanto o Meco como as Pampórnigas axeonllábanse ao seu paso en sinal de respecto.
Unha vez comezada a eucaristía, as Pampórnigas desaparecen e cobra protagonismo o Meco que desenvolve o seu interesante e divertido ritual no adro, entre aqueles que non acuden a misa. A veciñanza bótalle moedas, que o Meco recolle, momento no que os veciños aproveitan para burlarse del, que, ao decatarse, bota correr detrás delas usando como arma o seu pau rematado en punzantes toxos ben fresquiños.
Os actos da romaría continuarán esta noite con verbena no campo da festa, e tamén mañá, con misas ao longo da mañá e a procesión co Meco e as Pampórnigas ás 13h.
A Romería da Ermida vén de ser declarada Ben de Interese Cultural na reunión do 7 de setembro do Consello da Xunta.
Fotos e vídeos: A.R.
