ConcellosQuirogaÚltima horaVídeos

A danza do Meco e das Pampórnigas volve ás rúas da Ermida (Quiroga)

 

A Romaría da Ermida (Quiroga) vén de recuperar este ano as súas figuras ancestrais: o Meco, unha máscara completamente vestida de vermello e cunha vara rematada en toxos, e as Pampórnigas, dous xigantes de longos brazos. Os tres volvían escenificar, logo de dous anos ausentes por mor da pandemia, a súa característica danza diante da Virxe dos Remedios na procesión celebrada tanto onte como hoxe, 9 de setembro, a partir das 13h. polas rúas da Ermida.

 

 

Tras completarse o percorrido, tanto o Meco como as Pampórnigas, inclínanse xusto á porta da igrexa ante o paso da Virxe. Despois a parella de xigantes desaparece, mentres o Meco comeza a súa particular actuación coas persoas que permanecen no adro durante a misa.

 

 

Os actos da Romaría da Ermida comezaban coa novena na honra da Virxe que finalizaba o 7 de setembro, onde pola tarde se celebraba unha pancetada. Ao día seguinte celebrábase a primeira procesión coa saída do Meco e das Pampórnigas, seguida dunha sesión vermú coa orquestra Supremos, que tamén animaba a verbena.

 

 

Neste venres 9 de setembro tiña lugar unha nova procesión que tamén continuaba con sesión vermú coa orquestra Ciudad de Vigo, que pola noite animará a verbena. Esta romaría está organizada pola Asociación Cultural Souto do Val coa colaboración do Concello de Quiroga.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button