
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na I Festa do Maior do Concello de Toén, unha xornada de homenaxe ás persoas maiores do municipio que reuniu a veciños e veciñas no pavillón do CEIP Saco e Arce. O evento combinou un acto relixioso, un xantar de confraternidade e actividades musicais, promovendo a convivencia e o recoñecemento á traxectoria vital deste colectivo.

Durante a súa intervención, o presidente provincial puxo en valor “o exemplo de vida, forza e dignidade” das persoas maiores, destacando o seu papel esencial na construción da identidade e dos valores da provincia. Luis Menor reafirmou así o compromiso da Deputación co “benestar das persoas maiores e co impulso de iniciativas que favorezan o encontro, a participación social e o recoñecemento público da súa contribución á comunidade.”
