
A Deputación de Ourense, como medida de precaución ante a onda de calor e altas temperaturas previstas en toda a provincia, apraza ata o vindeiro 24 de agosto a primeira xornada do torneo 3×3 de baloncesto que estaba prevista para mañá, 12 de agosto en Viana do Bolo para as comarcas de Trives, Viana e Verín. Nos vindeiros días anunciarase o novo prazo de inscrición que se realizará a través da web www.fegaba.com.
A Deputación de Ourense, en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto, promove un torneo 3×3 de baloncesto de carácter popular, para todas as idades, gratuíto e aberto a equipos de todas as comarcas.
Esta iniciativa enmárcase no programa de Fomento Deportivo 2025 da Deputación. De feito, as características desta modalidade, máis sinxela de practicar por número de participantes e con só un aro, encaixan totalmente na política deportiva da institución provincial, xa que facilita a práctica deportiva dun xeito lúdico; fomenta a actividade física en todas as idades e por todas as comarcas; incrementa a oferta deportiva e accesible no rural.
Para a celebración desta competición establecéronse cinco xornadas, en cada unha das cales participarán noutras tantas sedes, Xinzo de Limia, Carballiño, Allariz, Viana do Bolo e o Barco de Valdeorras, os equipos inscritos no devandito circuito.
Inscrición aberta
O torneo está aberto á inscrición de equipos compostos tanto por xogadores federados como non federados. Cada sede contará cun número limitado de prazas (8 por categoría) e a participación será independente en cada unha delas.
Contará con tres categorías de xogo combinadas por franxas de idade: minibasket e preminibasket; infantil e cadete; e júnior e sénior. Os equipos poderán ser masculinos, femininos ou mixtos, e a competición poderá tamén desenvolverse en formato mixto. Cada equipo deberá estar composto por: un mínimo de 3 e un máximo de 4 xogadores e un responsable de equipo, que deberá ser maior de idade
O baloncesto 3×3 foi olímpico en 2020 e 2024, é o deporte de equipo urbano número uno no mundo e xógase nunha única canastra con tres xogadores en cancha por equipo.