OurenseÚltima hora

A Deputación aproba a concesión de máis de 363.000 euros en axudas para cooperación cos concellos en materia de infraestruturas

As axudas beneficiarán a trece concellos en proxectos relacionados con viarios de acceso a poboacións, estradas municipais, tránsito peonil, pavimentación ou humanización de rúas

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, na súa reunión semanal, aprobou hoxe a concesión de máis de 360.000 euros en concepto de axudas destinadas a cooperación cos concellos. En concreto, estas achegas están dirixidas á execución de proxectos en materia de infraestruturas en 13 concellos.

Segundo as achegas aprobadas está mañá, o Concello de Boborás recibirá 18.000 euros para mellora, canalización en ensanche do viario de acceso ao Curro en Feás; Entrimo contará con 50.000 euros para a mellora do tránsito peonil entre A Barreira e Feira Vella; e A Gudiña disporá de 34.000 euros para pavimentación en tres núcleos do municipio: Erosa, Carracedo e a propia capital do concello.

Outras axudas concedidas na sesión de hoxe da Xunta de Goberno teñen como destinatarios ao Concello de Monterrei, por importe de 25.000 euros para o arranxo dunha vía pública en Medeiros; 7.000 euros a Nogueira de Ramuín para construír un muro de contención nunha parcela municipal no parque empresarial; e Paderne de Allariz poderá executar a renovación da climatización da Casa do Concello cunha achega de 10.575,40 euros.

 

 

Piñor disporá de preto de 40.000 euros (39.996,07) para a humanización da praza do Arenteiro; Punxín executará a mellora de dous camiños en Figueiroa por importe de 30.000 euros; e Riós recibirá 39.661,28 euros para a reparación da pavimentación en rúas do núcleo de Cortegada. O Concello de Porqueira contará con dúas axudas: 4.570,69 euros para o confinanciamento do Plan Camiña; e 3.266,96 para o cofinanciamento do plan marco 24/25.

Completan a lista de concellos beneficiarios de axudas San Amaro, con 40.000 euros para a reforma da estrada que une Beariz, A Viriña e Salamonde; 21.000 euros para Viana do Bolo con destino a obras no cemiterio; e unha achega de 39.997,82 euros para Xunqueira de Ambía, destinados a bacheos na parroquia de Abedelda e Xunqueira.

A orde do día da Xunta de Goberno completouse coa aprobación do expediente elaborado para a contratación da concesión do servizo público supramunicipal de recollida e recepción de residuos industriais non perigosos e especiais, así como a modificación do Plan CooperOU no concello de Carballeda de Valdeorras, no referido ao programa de gasto corrente e amortización de débeda.

Back to top button