OurenseÚltima hora

A Deputación aproba investimentos por máis de 220.000 euros e impulsa unha nova liña para a formación de técnicos deportivos

A Xunta de Goberno aprobaba acordos por valor de 220.397,81 euros destinados ao fomento da formación no deporte, á protección animal e á cooperación municipal

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe un conxunto de acordos que mobilizan un total de 220.397,81 euros, cunha especial atención ao fomento do deporte, á protección animal e á cooperación cos concellos da provincia.

Entre os asuntos aprobados destaca a creación dunha nova liña de subvencións para a formación de técnicos deportivos, dotada con 20.000 euros, unha iniciativa coa que a institución provincial busca apoiar ás persoas vinculadas aos clubs deportivos ourensáns que desexen obter titulacións de monitor ou técnico deportivo, así como ampliar a súa formación mediante cursos, seminarios e outras accións especializadas.

O presidente provincial, Luis Menor, destacou que esta convocatoria responde á vontade da Deputación de seguir fortalecendo o deporte de base desde todos os seus ámbitos. “O deporte non se constrúe só cos éxitos dos deportistas. Detrás de cada club e de cada canteira hai profesionais que forman, acompañan e transmiten valores. Investir na súa formación é investir no futuro do deporte ourensán”, subliñou.

A convocatoria pretende contribuír tamén ao reforzo das estruturas técnicas dos clubs da provincia, especialmente daqueles deportes con maiores dificultades para incorporar persoal cualificado.

 

 

Apoio ás entidades de protección animal

A Xunta de Goberno aprobou tamén unha convocatoria de subvencións destinada ás asociacións de protección animal que colaboran na xestión dos animais procedentes dos centros de acollida da rede provincial, cun importe total de 25.000 euros.

Con esta liña de axudas, a Deputación reafirma o seu compromiso co labor que desenvolven estas entidades, contribuíndo ao seu funcionamento e ao coidado dos animais baixo a súa responsabilidade.

 

 

Máis de 175.000 euros para cooperación municipal

No ámbito da cooperación municipal, aprobáronse investimentos por valor de 175.397,81 euros destinados á mellora de infraestruturas e servizos básicos en distintos concellos da provincia.

As actuacións aprobadas corresponden aos municipios de Larouco, Bande, O Bolo e Cenlle, permitindo acometer melloras en viais municipais, iluminación pública e camiños rurais.

En concreto, Larouco contará con 104.097,81 euros para a mellora de instalacións municipais e dun vial; Bande recibirá 10.000 euros para a mellora dun camiño no núcleo de Valbuxán; O Bolo obterá 21.300 euros para actuacións de mellora viaria; e Cenlle disporá de 40.000 euros para a mellora de camiños rurais no núcleo de Barbantes.

Luis Menor incidiu en que a cooperación municipal continúa a ser “a principal razón de ser dunha deputación provincial”, destacando que estas actuacións contribúen a mellorar os servizos públicos, a calidade de vida dos veciños e a fixación de poboación nos concellos do rural ourensán.

Back to top button