En portadaÚltima horaVídeos

A Deputación de Ourense asume a extinción do lume no vertedoiro da Rúa que comezará o luns

Os traballos de apagamento levaráos a cabo unha empresa especializada

 

Dúas semanas despois de que o lume do incendio de Seadur-Larouco entrase na Rúa precisamente polo vertedoiro de residuos non perigosos de titularidade municipal que segue ardendo, tras días de petición de colaboración por parte do Concello e protestas da veciñanza, chega a solución.

Na mañá deste sábado 30 de agosto Luis Menor, achegábase ata o propio vertedoiro rués para anunciar que será a Deputación de Ourense quen finalmente se encargue do apagamento do lume activo.

“Este é un problema que xurde dun incendio forestal, pequeno no inicio dentro do gran problema comarcal que houbo, pero que se foi illando e persiste”, dixo o presidente, lembrando que o pasado domingo enviaron un técnico para ver a capacidade técnica e económica que tiñan para solucionar o problema con medios propios e “finalmente concretouse que non ía poder ser porque é un traballo complexo e moi amplo, con gases tóxicos e unhas condicións de traballo que non son as normais”. Así, ante a urxencia e visto que o Concello tampouco ten nin medios técnicos nin capacidade financieira para afrontar a obra, esta mesma mañá formalizaban xuridicamente “unha contratación de emerxencia para encargar a obra a unha empresa especializada, con total garantía técnica e de seguridade, como é Tragsa que se encargará de apagar este incendio o antes posible. Mañá pola tarde probablemente estén aquí as máquinas e o luns a primeira hora comezarán os traballos de extinción”, dixo.

 

 

Menor agarda que a climatoloxía tamén axude e que antes do inicio do curso escolar, un problema engadido, o traballos de apagamento, que supón un presuposto duns 100.000 euros, estén rematados. “Outra cousa será a segunda parte, a xestión dun problema que tiñamos un pouco esquecido e que hai que afrontar, zonas de seguridade, etc. Traballos nos que tamén colaborará a Deputación, pero iso falarase despois”, dixo o presidente lembrando que están para chegar onde non chegan outras administracións e “este é un poblema que afecta a toda a comarca e máis alá de competencias está nesta emerxencia”. Tamén incidíu en que “temos que sacar lección en canto a xestión, a prevención e sobre todo de mellora nas emerxencias e saúde pero A Rúa e toda a comarca merece unha resposta que lle damos hoxe”.

A alcaldesa da Rúa, María G. Albert, acompañada polo seu equipo de Goberno e pola alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, agrdeceu “infinitamente ao presidente que a Deputación sexa finalmente quen afronte este traballo, aínda que sigo pensando que a Xunta tiña que ter dado un paso máis”.

 

 

Lembrando o inicio do incendio e do problema de saúde pública o pasado 15 de agosto, e a petición de axuda das administracións superiores ao Concello na súa extinción dende o día 18, a rexedora nacionalista recoñeceu que nos máis de 20 anos que leva en política “están sendo as dúas semanas máis complicadas sen lugar a dúbidas”, destacando tamén a preocupación extra ante o inicio do curso. “Dentro dunha semana empeza a actividade lectiva e hai dous centros moi preto do vertedoiro, de feito dende as ANPAS e claustros se puxeron en contacto co Concello amosando a súa preocupación e isto non se podía adiar máis”. O importante “é que empecen as obras canto antes e nos libremos deste fume, despois virá a parte de xestión dos danos, de ver como se mellora a xestión do vertedoiro, que cousas hai que cambiar e incorporar ao plan”.

José Vicente Solarat aproveitou a visita para agradecer persoalmente ao presidente da Deputación “a implicación que está a ter coa provincia e neste caso concreto coa Rúa e Petín”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Back to top button