OurenseÚltima hora

A Deputación de Ourense creará un grupo de traballo para abordar as consecuencias dos lumes na provincia

Así o anunciaba o seu presidente provincial no pleno extraordinario celebrado esta mañá na que se analizaba e debatía sobre a problemática dos lumes

Imaxe do pleno da Deputación de Ourense./ Cedida.

 

Tras un longo debate sobre a situación dos incendios forestais na provincia no pleno extraordinario que a Deputación de Ourense celebraba esta mañá, o presidente provincial, Luis Menor, anunciaba que se vai convocar un grupo de traballo ou comisión coas diferentes formacións políticas para analizar esta problemática coa data máis breve posible.

“Todo o mundo máis ou menos coincidimos na situación e nas medidas que hai que tomar, pois ímolo facer e dende aquí imos sumar ese gran de area propositivo moi importante para a nosa provincia e que eu espero que sexa realmente fáctico, de poder aportar recursos económicos e chegar a onde non chegan as outras administracións. A pesar dalgunha cuestión, eu creo que esta institución estivo á altura do que se lle pide e tamén creo que este pleno, a pesar da lexítima discrepancia que hai entre nós, tamén tivo ese punto de institucionalidade e propositivo que eu lles agradezo”.

Así mesmo, Menor matizaba que “a emerxencia non entende da polémica, a emerxencia quere solucións e iso é o que buscamos e o noso pobo tampouco vai entender que nos sigamos tirando a emerxencia a cara uns doutros, que todos tivemos fallos e o que temos é que tratar de buscar esas solucións e penso que esta casa, con todos nós que formamos o plenario, e dándolle voz a todo o mundo que queira vela, ten que saír unha resposta que executar na parte que nos toca, pero tamén que trasladar, sen dúbida ningunha aos órganos que nos corresponden, aí nos encontraremos todos porque os veciños é o que necesitan de nós, que o ano que vén cando haxa un incendio, estean moito máis seguros e que arda moito menos, máis alá de que goberne quen goberne”.

Tamén se refería á celebración este venres dun Consello Extraordinario da Xunta en Ourense, “froito do compromiso con esta provincia e que anuncien as medidas, a que fundamentalmente, quen resultou afectada polos lumes foi Ourense. Toca reconstrución e traballar entre otros e toca mellorar, os lumes agora son outra magnitude as brigadas para eses lumes agora resulta que son inefectivas, etc.”

Ademais, durante o pleno dábase conta do traballo realizado por esta institución que estivo representada desde o primeiro minuto no CECOP para colaborar, baixo as indicacións da Xunta, na extinción dos incendios, así como na prestación de servizos como traslado de comida a animais ou a instalación de fontes portátiles de auga na comarca de Valdeorras

 

 

Back to top button