
A Deputación de Ourense celebrou hoxe o acto de entrega dos diplomas do programa “8M, mes a mes”, unha iniciativa impulsada pola Área de Igualdade e que recoñece, ao longo de todo o ano, “o labor de mulleres e colectivos femininos que contribúen ao desenvolvemento social, económico e humano da provincia”, tal e como explicou a deputada de Igualdade, Teresa Barge.
O presidente provincial, Luis Menor, salientou durante a súa intervención que a institución provincial “non só se suma á reivindicación global do 8 de marzo, senón que pon en valor unha realidade que forma parte da identidade de Ourense: unha provincia construída tamén grazas ao talento, ao esforzo e ao compromiso das mulleres”.
Menor subliñou que o obxectivo do programa, posto en marcha en abril de 2024 pola Área de Igualdade dirixida pola deputada Teresa Barge, foi converter a igualdade nun compromiso permanente. “A igualdade non pode limitarse a unha efeméride. Ten que ser unha política constante, presente durante todo o ano e en todas as accións públicas”, dixo o presidente da Deputación.

Un ano visibilizando a igualdade real
A través do programa “8M, mes a mes”, a Deputación foi recoñecendo diferentes exemplos de liderado feminino e compromiso social en distintos ámbitos da provincia. Entre as iniciativas distinguidas figuran as Supermulleres de Boborás, “exemplo de sororidade e solidariedade comunitaria”; a escritora Inma Soto, pola “promoción da lingua e do empoderamento desde o rural”; ou as Mulleres Rurais de Arnuide, “referentes do asociacionismo local”.
Tamén recibiron recoñecemento ASPADISI, representada por Josefa Rodríguez, polo “seu traballo a favor da inclusión”; as auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar da Bola, polo “seu labor esencial no coidado das persoas maiores”; así como Noelia Conde e as mulleres dos servizos de extinción, destacadas polo “seu compromiso na defensa do territorio durante os incendios forestais”. O programa puxo igualmente en valor o traballo da asociación FEMURO, o talento cultural da pianista María del Mar Blanco, o labor das pastoras representadas por Elvira Pérez, e referentes como a modista Julia Feijóo ou a comunicadora Montse Estévez.

Igualdade, progreso e territorio vivo
Durante o acto, Luis Menor incidiu en que apoiar ás mulleres do rural significa fortalecer o futuro da provincia. “Onde hai igualdade hai progreso, oportunidades e territorio vivo”, proclamou. O presidente provincial destacou ademais que estas distincións “recoñecen historias que moitas veces nacen lonxe dos focos pero que resultan fundamentais para manter activas as vilas e aldeas ourensás”.