OurenseÚltima hora

A Deputación de Ourense mobiliza máis de 861.000 euros, centrados na cooperación municipal e en consolidar o Programa Chegou de apoio ás familias

A Xunta de Goberno vén de aprobar 19 asuntos, destinando máis de 518.000 euros a axudas para 14 concellos da provincia e 400.000 euros para o programa provincial de fomento da natalidade

Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou esta mañá un total de 19 asuntos de xestión, ademais da acta da sesión anterior, mobilizando no seu conxunto 861.476,21 euros destinados a reforzar a cooperación cos concellos e apoiar ás familias da provincia.

Do total aprobado, 461.476,21 euros corresponden a cooperación municipal, mentres que 400.000 euros se destinan ao Programa CHEGOU 2026.

Luis Menor sintetizou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que a sesión mobilizou 861.476,21 euros, dos cales máis de 461.000 euros van directamente aos concellos en actuacións de cooperación municipal, mentres que 400.000 euros sosteñen un programa social estratéxico como o ChegOU.

“A Deputación reafirma así o seu papel como administración próxima ao territorio, centrada en resolver problemas concretos e garantir igualdade de oportunidades en toda a provincia”, concluiu Menor.

O bloque principal da sesión volveu ser a cooperación municipal, con axudas directas a 14 concellos da provincia, destinadas fundamentalmente a melloras de infraestruturas, saneamento, alumeado público, equipamento municipal e actuacións viarias.

A distribución das achegas é a seguinte: Monterrei (68.288 euros); Paderne de Allariz (33.000 euros); Beade (40.000 euros); O Bolo (1.900 euros); O Carballiño (48.262,45 euros); Castrelo de Miño (11.513,84 euros); Celanova (49.990,26 euros); Cualedro (14.637,23 euros); Laza (45.000 euros); Padrenda (40.000 euros); Petín (19.167,55 euros); Porqueira (15.000 euros); Ribadavia (29.998 euros); e Riós (44.718,88 euros).

Estas actuacións permitirán executar proxectos orientados a resolver necesidades reais e inmediatas da veciñanza, reforzando o equilibrio territorial e o apoio aos municipios, especialmente aos máis pequenos.

 

 

Programa ChegOU: estabilidade e compromiso coas familias

A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases reguladoras do Programa ChegOU 2026, que contará cunha partida inicial de 400.000 euros, ampliable se fose necesario.

A contía mantense estable respecto aos últimos anos, consolidando esta liña de axudas como unha ferramenta clave na loita contra o reto demográfico na provincia.

Segundo destacou o presidente provincial, “non hai recortes nin improvisacións; hai estabilidade e compromiso para garantir que este apoio chegue a todos os fogares que o precisen”.

Menor subliñou que o ChegOU é unha resposta directa ao reto demográfico e enmárcase na estratexia marcada pola Lei de impulso demográfico de Galicia, consolidándose como unha das principais ferramentas provinciais de apoio á natalidade.

Impacto e eficiencia: os datos de 2025 avalan o modelo

A edición 2026 do programa apóiase nos datos do exercicio 2025, que confirmaron a súa solidez e eficiencia:1.135 solicitudes recibidas, con 1.054 solicitudes admitidas, o que supón case un 93 % de admisión; 163 solicitudes procedentes de concellos de grao 2 e 3, prioritarios desde o punto de vista demográfico; 32 solicitudes con supostos de discapacidade ≥33 %.

As axudas oscilaron entre 300 e 1.250 euros, en función do concello de empadroamento e das circunstancias familiares, reforzando o compromiso da Deputación coa equidade territorial e coa protección reforzada das situacións de maior vulnerabilidade.

O programa mantén o seu carácter progresivo e territorialmente equilibrado, cunha discriminación positiva e protección reforzada: os concellos grao 0 e 1 obterán 300 euros e os de grao 2 e 3: 500 euros. Ademais, consolídanse os incrementos: plus por discapacidade ≥33 %: ata 1.000 euros; e plus por familia numerosa: 250 euros a maiores

Esta configuración confirma a vontade da Deputación de manter políticas estables no tempo, afastadas de actuacións puntuais e orientadas a dar resposta real ás necesidades das familias.

Innovación administrativa: pioneiros na sinatura biométrica vocal

Un dos aspectos máis destacados do ChegOU é o seu sistema de tramitación dixital para persoas en exclusión dixital. En 2025 incorporouse por primeira vez a sinatura biométrica vocal, permitindo tramitar solicitudes sen certificado dixital e mesmo directamente desde o hospital tras o parto.

Un total de 170 solicitudes realizáronse mediante firma biométrica vocal, procedentes de 43 concellos, o que supuxo un aforro estimado de 4.858 quilómetros en desprazamentos.

Este sistema garante plena validez xurídica, identificación segura e simplificación administrativa, combinando seguridade, accesibilidade e innovación tecnolóxica. A continuidade desta modalidade en 2026 reforza unha dixitalización útil, centrada nas persoas e adaptada á realidade territorial da provincia, explicou Menor.

A Tarxeta ChegOU

A axuda materialízase a través dunha tarxeta electrónica ChegOU para gastos de produtos de hixiene, alimentación e saúde do bebé en farmacias, parafarmacias, ópticas, centros de audición e ortopedias.

A tarxeta estará activa ata o 31 de maio de 2027, e o prazo de solicitude abrirase ao día seguinte da publicación das bases no BOP, ata o 31 de decembro de 2026, ampliándose ata o 15 de xaneiro de 2027 para nacementos a finais de ano.

Un modelo estable, equitativo e moderno

ChegOU consolídase así como unha política pública estrutural orientada a fortalecer o futuro demográfico de Ourense, combinando rigor orzamentario, equidade territorial, protección reforzada ás familias e modernización administrativa.

A Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso coas familias da provincia, apostando por medidas concretas, eficaces e sostibles no tempo para afrontar o reto demográfico con políticas activas.

Back to top button