
A Deputación recoñece o talento e o esforzo de 60 deportistas ourensáns na entrega das bolsas provinciais para modalidades individuais, acto presidido hoxe polo presidente provincial, Luis Menor, no Pazo “A Fábrica” en Celanova. Entre eles están os padexeiros barquenses Adrián Prada e Jesús Rodríguez.
Nesta convocatoria, o goberno provincial reforzou o seu apoio ao deporte ourensán incrementando a contía total do programa ata os 50.000 euros, beneficiando directamente a un total de 60 atletas de 18 disciplinas.
Entre os deportistas galardoados atópanse representantes de modalidades tan diversas como piragüismo, halterofilia, bádminton, ximnasia e trampolín, ciclismo BTT, tiro olímpico, atletismo, loita, pesca, escalada, boxeo, salvamento e socorrismo, parapente, wushu, taekwondo e baile deportivo-breaking.
Baixo o lema “Eu son deportista de Ourense”, os protagonistas comparten algo fundamental: “o esforzo, a constancia e a ilusión polo deporte”, destacou Menor, quen puxo en valor a importancia destas axudas “non só por ser un apoio económico, senón porque nos permite recoñecer eses valores”.
Neste sentido, o presidente provincial salientou os sacrificios que hai detrás de cada carreira deportiva e quixo estender o agradecemento ás familias, adestradores e clubs, aos que definiu como “o alicerce invisible pero imprescindible” dos éxitos dos atletas.

No transcurso do acto concedeuse tamén o Recoñecemento á Traxectoria Deportiva a José Luis Estévez Camiña, unha figura imprescindible na historia do baloncesto local ao converterse no primeiro árbitro ourensán en acadar a Liga ACB. Con esta mención, réndese homenaxe á súa dilatada carreira no arbitraxe español, destacando a súa achega ao deporte e o seu papel como referente para as novas xeracións de deportistas que hoxe reciben estas axudas.
Compromiso firme e mellora de infraestruturas
O presidente do goberno provincial aproveitou a xornada para reafirmar a vocación da Deputación pola promoción da actividade física e os seus valores de “convivencia, solidariedade e integración”. Menor fixo balance das accións levadas a cabo neste mandato, destacando os 7,2 millóns de euros investidos na modernización e mellora dunha trintena de instalacións deportivas na provincia, así como o alcance de iniciativas consolidadas como o programa de Fomento Deportivo, presente en 91 concellos e con máis de 6.200 participantes, ou as Copas Deputación que mobilizan a preto de 20.000 deportistas.

