OurenseÚltima hora

A Deputación de Ourense supera os 7,7M€ mobilizados desde agosto tras aprobar outros 1,6M€ na Xunta de Goberno

A sesión destina máis de 808.000 euros á cooperación municipal e outros 732.000 euros a convocatorias de apoio ao deporte, á cultura e ao emprendemento feminino

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense abordou hoxe 43 asuntos, entre os que destaca a aprobación de diferentes liñas de cooperación que permiten mobilizar 1.592.721,20 euros, destinados aos concellos e ao tecido deportivo, cultural, asociativo e económico da provincia.

O presidente provincial, Luis Menor, destacou que esta cifra eleva a 7.740.276,09 euros os recursos mobilizados nas seis Xuntas de Goberno celebradas desde o pasado 17 de agosto, tras a volta do período estival.

“Estas cifras reflicten un importante ritmo de execución e, sobre todo, unha Deputación útil para os concellos e próxima ás necesidades do territorio, facendo que os recursos provinciais se traduzan en mellores servizos, oportunidades e actividade económica, cultural, deportiva e social”, salientou Luis Menor.

Máis de 808.000 euros de cooperación municipal

Un dos principais bloques da sesión corresponde á cooperación cos concellos e entidades locais, con 22 achegas que suman 808.642,33 euros e que permitirán financiar actuacións relacionadas con infraestruturas, abastecemento e saneamento, mellora de vías e espazos públicos, instalacións deportivas, equipamentos sociais e culturais, prevención de incendios ou prestación de servizos públicos.

Entre as achegas de maior contía destacan os 100.000 euros para o Concello de Xinzo de Limia, destinados a melloras no Museo Galego do Entroido; os 80.640,16 euros para Bande, a través de dúas achegas para obras municipais e adquisición de material para pavimentación de vías públicas; e os 50.000 euros para os gastos de funcionamento da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro.

A Xunta de Goberno tamén aprobou diferentes achegas de ata 48.000 euros para actuacións na Veiga, Porqueira, Riós, A Merca, Nogueira de Ramuín e Oímbra, ademais de investimentos noutros municipios como Muíños, Cenlle, Rairiz de Veiga, Taboadela, Vilar de Santos ou A Mezquita.

“Son máis de 808.000 euros de cooperación directa co ámbito local, destinados a dar resposta a actuacións concretas que nos trasladan os propios concellos e que repercuten directamente na mellora dos servizos e infraestruturas da provincia”, explicou Menor.

 

 

Máis de 732.000 € para deporte, cultura e emprendemento feminino

Outro dos grandes bloques da sesión foi a resolución de tres convocatorias públicas que mobilizan conxuntamente 732.044,96 euros e permiten apoiar 335 clubs, actividades e proxectos.

A convocatoria destinada aos clubs deportivos de Ourense distribúe 548.711,71 euros entre 106 clubs, pertencentes a numerosas modalidades deportivas.

O presidente provincial destacou neste sentido “o traballo que desenvolven durante todo o ano os clubs, os deportistas, os técnicos e as familias, cun papel especialmente importante na promoción do deporte de base e dos hábitos de vida saudables”.

Pola súa banda, a convocatoria destinada a entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e recreativas conta cunha dotación de 100.000 euros. A resolución permite financiar 138 actividades, vinculadas á cultura, ao patrimonio, ás tradicións, á formación, á convivencia e á dinamización social.

Deste xeito, só estas dúas convocatorias destinan preto de 650.000 euros ao deporte e á actividade cultural e recreativa da provincia.

EmprendOU en feminino apoia 91 proxectos empresariais

A terceira das grandes convocatorias resoltas corresponde ao programa EmprendOU en feminino 2026, que na súa primeira resolución concede 83.333,25 euros a 91 proxectos empresariais impulsados por mulleres da provincia.

Das 119 solicitudes presentadas ata o 11 de setembro, nesta primeira resolución aprobáronse 91: 51 corresponden a proxectos declarados preferentes no exercicio 2025, 28 proceden de concellos de menos de 20.000 habitantes e 12 de concellos de máis de 20.000 habitantes.

Por sectores, a hostalería e restauración concentra 24 iniciativas, seguida do comercio, con 13; educación, deporte, cultura e lecer e servizos profesionais e empresariais, con 12 proxectos cada un; saúde e servizos sociosanitarios, con 10; imaxe, beleza e coidados persoais, con 9; industria, construción, limpeza e reparacións, con 8; e transporte, con 3.

“Son 91 mulleres que decidiron emprender e construír o seu propio proxecto profesional desde Ourense, contribuíndo á creación de actividade económica e de oportunidades na provincia”, destacou Luis Menor.

A convocatoria continúa aberta ata o 30 de outubro, polo que as mulleres que cumpran os requisitos poden seguir presentando as súas solicitudes.

Máis de 52.000 euros para o tecido asociativo

Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou cinco achegas directas a entidades por un importe global de 52.033,91 euros.

Entre elas figuran 31.518,38 euros para a Fundación Florencio Delgado Gurriarán, destinados a melloras na súa sede; 10.000 euros para a Federación Galega de Remo, para a realización de diferentes probas en Castrelo de Miño; 6.000 euros para o Museo do Médico Rural de Maceda, para gastos de funcionamento; 3.000 euros para a Fundación Insua dos Poetas e 1.515,53 euros para a Asociación de Mulleres Rurais Entre Nós.

Luis Menor enmarcou os acordos aprobados na política de cooperación da Deputación, orientada a chegar ao conxunto do territorio e apoiar tanto aos concellos como ás entidades e ás persoas que contribúen a xerar actividade e oportunidades na provincia.

Back to top button