OurenseÚltima hora

A Deputación e o Colexio de Economistas de Ourense reforzan a súa colaboración e impulsan a reactivación do Observatorio Económico da provincia

Reunión Luis Menor Pérez (presidente da Deputación Ourense) coa nova directiva do Colexio de Economistas de Ourense, representada pola sua presidente, Carmen Sampayo David, ou secretario Juan Santamaria Rodriguez e Julio Vila Pérez como vicepresidente.

 

O presidente provincial, Luis Menor, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa directiva do Colexio de Economistas de Ourense, encabezada pola súa decana, Carmen Sampayo, na que ambas institucións acordaron renovar a súa colaboración e impulsar a reactivación do Observatorio Económico da provincia.

Durante o encontro, Luis Menor puxo en valor o papel do Colexio de Economistas de Ourense, que conta con máis de 400 profesionais asociados e cunha incidencia directa na vida económica da provincia, especialmente pola súa relación co tecido produtivo, asociacións empresariais e polígonos industriais.

O presidente provincial felicitou ademais á decana, Carmen Sampayo, polo seu recente nomeamento como vicepresidenta primeira do Consello Galego de Economistas, destacando que este recoñecemento “pon en valor o traballo realizado polo Colexio de Economistas de Ourense e reforza a presenza da provincia nos órganos autonómicos de decisión”.

No transcurso da reunión, ambas entidades acordaron renovar o convenio de colaboración que manteñen desde hai anos, considerado un instrumento “moi positivo” para ambas institucións, ao tempo que se abordou a reactivación do Observatorio Económico da provincia de Ourense.

Segundo explicou Menor, este observatorio permitirá contar cunha ferramenta de análise para a toma de decisións económicas e para coñecer con maior precisión a evolución da actividade económica na provincia. “Trátase dun proxecto moi interesante que servirá de guía para adoptar decisións e seguir de preto o día a día da economía ourensá”, sinalou o presidente.

Pola súa banda, a decana do Colexio de Economistas de Ourense, Carmen Sampayo, agradeceu a recepción e destacou a importancia da colaboración coa Deputación, subliñando que esta cooperación “repercute directamente nos máis de 400 economistas da provincia e no conxunto do tecido produtivo”.

Sampayo tamén incidiu na importancia de que as provincias do interior teñan presenza e capacidade de decisión nos órganos autonómicos, ao tempo que avanzou o compromiso do Colexio de seguir implicado na xeración de coñecemento e na súa transferencia á sociedade, especialmente a través da reactivación do Observatorio Económico.

Back to top button