En portadaÚltima hora

A Deputación e os alcaldes de Valdeorras redefinen os proxectos do Plan de Actuación Integral, con 10M€, para garantir o financiamento europeo

Durante o encontro, o presidente subliñaba o papel clave da institución provincial como "coordinadora e impulsora" de toda a xestión administrativa e financeira do PAI, un proxecto que beneficiará “á veciñanza de Valdeorras”

 

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, acompañado pola vicepresidenta primeira do goberno provincial, Marta Nóvoa, mantiña este 16 de xullo na Casa Grande de Viloira (O Barco) unha xuntanza de traballo e seguimento cos alcaldes e representantes municipais de Valdeorras para abordar o estado de execución e os vindeiros pasos a seguir do Plan de Actuación Integral (PAI) “Valdeorras polos Camiños do Sil”. Ao encontro tamén asistían técnicos como Marta Docampo, xefa de área.

Menor cualificaba a plan de “estratéxico”, matizando que conta cun investimento global de 10 millóns de euros e que abrangue os nove concellos da comarca (A Veiga, O Bolo, Larouco, Petín, A Rúa, Vilamartín, O Barco, Rubiá e Carballeda de Valdeorras). O proxecto está deseñado para acadar unha transformación integral do territorio baseada na sostibilidade, o turismo e a posta en valor do patrimonio. “Leva a cabo accións propostas polos Concellos e que son transformadoras dos mesmos”.

 

 

 

 

Durante o encontro, o presidente subliñou o papel clave da Deputación como “coordinadora e impulsora” de toda a xestión administrativa e financeira do PAI, un proxecto que beneficiará “á veciñanza de Valdeorras”. Ademais explicaba que con esta xuntanza “vimos a avanzar nun plan que está xa en plena execución, en fase de contratar proxectos importantes, de elaborar outros proxectos. Pero tamén viñemos facer algo que denota a fleixibilidade e prestancia da Deputación, que está facendo de coordinadora e impulsora deste PAI, asumindo o traballo administrativo, no que os grandes beneficiarios son os Concellos”.

 

 

Os primeiros proxectos, xa en marcha, en Sobradelo (Carballeda) e O Castro (O Barco)

O principal anuncio da xornada foi o inicio do proceso de licitación de dúas das actuacións máis importantes do programa. Trátase da construción dunha pasarela peonil sobre o río Sil no Malecón de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) e da rehabilitación da Torre Fortaleza do Castro, no Barco de Valdeorras.

 

 

Ambas actuacións, que suman un orzamento conxunto de preto de 1,5 millóns de euros (incluíndo os custos de dirección de obra e coordinación), entran xa na fase de licitación administrativa, que se estenderá durante os vindeiros tres ou catro meses, prevendo o inicio das obras a continuación. Estas actuacións serán fundamentais para cumprir co obxectivo de ter o 20% do total do programa executado, xustificado e pagado antes do vindeiro mes de marzo.

De cara ao futuro próximo, avanzáronse outros proxectos de tramitación inmediata, como o acondicionamento do Camiño Real no Malecón do Barco, o desenvolvemento do espazo verde do “Xardín Botánico”, a posta en valor do patrimonio romano na Ponte de Córgomo, así como melloras de espazos públicos nos núcleos de Oulego e o Real, no concello de Rubiá.

 

 

Flexibilidade e reprogramación para asegurar o 100% dos fondos

A reunión de hoxe serviu tamén para amosar a “flexibilidade e capacidade de adaptación” da Deputación á hora de xestionar estes complexos fondos de financiamento europeo. Dada a atomización inicial do plan, que prevía preto de 50 actuacións en toda a comarca, e ante o cambio dos criterios de selección de proxectos por parte do Goberno Central, o equipo técnico propuxo aos concellos unha reprogramación de mutuo acordo. “Con este volume de accións, determinouse que algúns proxectos, sobre todo moi pequeniños, non se poderían xustificar na subvención para lograr esa financiamento e noutros casos eran accións de escasa contía, e non entraban dentro desa filosofía do PAI de desenvolver proxectos que sexan transformadores”, explicaba Menor. Estes fondos reasignaranse para reforzar os grandes proxectos transformadores do plan.

O presidente provincial quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade absoluta: “Ningún concello vai perder nin un só euro. A contía total asignada a cada municipio mantense invariable, unicamente reaxustamos as actuacións de común acordo para asegurar que o 100% do plan sexa financiable polo programa europeo”.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Vídeo: O SIL.

Back to top button