
A Deputación de Ourense, a través do Inorde, vén de entregar tres novas vivendas de alugueiro, ubicadas na antiga estación de ferrocarril de Vilavella, para fixar poboación no rural. O presidente provincial, Luis Menor e o presidente do Inorde, participaron hoxe, xunto ao alcalde da Mezquita, Rafael Pérez, no acto de entrega das chaves aos novos arrendatarios destas vivendas. Esta iniciativa supón un paso máis na estratexia provincial por dinamizar o rural e ofrecer alternativas habitacionais de calidade.
Na súa intervención, Luis Menor destacou hoxe que esta iniciativa transforma o patrimonio ferroviario “en proxectos de vida e en políticas de vivenda para afrontar, entre todos, o reto demográfico”.
Esta recuperación do patrimonio público xa foi iniciada no ano 2008 ao abeiro do proxecto europeo “Estaciones Vivas”, promovido polo Inorde para a posta en valor de estacións de tren da provincia. Así mesmo, a través do contrato de alugueiro que o Inorde mantén con ADIF ata o ano 2030, garántese a estabilidade e a continuidade deste complexo residencial.
O presidente sinalou que estas catro edificacións, que suman un total de oito vivendas, son o exemplo perfecto “do que se pode facer noutros lugares con políticas reais e utis que son as que precisan o rural”. Coa incorporación destas tres novas familias, o complexo de Vilavella consolida a súa ocupación con catro vivendas que xa contan con arrendatarios desde hai anos, unha vivenda que está cedida ao Concello da Mezquita para atender emerxencias sociais e agora con estas tres vivendas estarán todas elas ocupadas a partir do vindeiro 1 de xuño.

Neste sentido, o presidente provincial lembrou que unha das maiores preocupacións actuais tamén en Ourense é “a vivenda”, por elo, desde a Deputación de Ourense, co apoio unánime de todos os grupos políticos alí representados, “sacamos adiante o primeiro Plan de Vivenda que, tralo éxito que tivo, decidimos reforzar nesta segunda edición incremento a súa partida orzamentaria ata os 1.200.000 euros”, dixo Menor.
Así mesmo, manifestou a súa visión optimista sobre a pirámide poboacional na provincia que, coa chegada de xente doutros lugares, logramos investir a súa tendencia “subindo unha media de mi veciño cada ano, logrando así un saldo positivo”.
