OurenseÚltima hora

A Deputación impulsa a cooperación entre os espazos museísticos ourensáns co programa “Cada vimbio conta”

A iniciativa, desenvolvida pola Universidade de Vigo coa colaboración do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e o Museo do Pobo Galego, remata hoxe na Casa Museo Ramón Otero Pedrayo, en Trasalba

 

A Deputación de Ourense celebraba hoxe a xornada de clausura do programa “Cada vimbio conta. Coñecernos para conectarnos”, unha iniciativa orientada a fortalecer a colaboración entre os espazos museísticos, etnográficos e expositivos da provincia, favorecendo novas dinámicas de cooperación arredor do patrimonio cultural ourensán.

A sesión final desenvolveuse na Casa Museo Ramón Otero Pedrayo, en Trasalba (Amoeiro), poñendo o broche a varias semanas de traballo compartido entre profesionais, responsables institucionais e representantes de distintos espazos culturais da provincia.

Con este programa, a Deputación reafirma o seu compromiso coa posta en valor do patrimonio cultural ourensán como elemento de identidade territorial, cohesión social e dinamización cultural, impulsando accións que favorezan a conexión entre os distintos espazos museísticos e os profesionais vinculados á conservación e difusión da memoria colectiva da provincia.

 

 

A iniciativa foi desenvolvida pola Universidade de Vigo, encargada da concepción, deseño metodolóxico, coordinación e execución técnica do programa, coa colaboración do Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo e do Museo do Pobo Galego, entidades de referencia no ámbito da investigación e difusión do patrimonio cultural galego.

Ao longo das últimas semanas, o programa percorreu distintos puntos da provincia —Ribadavia, Allariz, San Cristovo de Cea, Quintela de Leirado e A Pobra de Trives— promovendo espazos de encontro, diálogo e reflexión compartida arredor dos retos e oportunidades do ecosistema museístico provincial.

Desde a organización destácase o balance positivo desta primeira fase de traballo, na que se favoreceron o coñecemento mutuo entre os distintos espazos, a identificación de retos comúns, o intercambio de experiencias e a apertura de novas posibilidades de colaboración entre centros e profesionais do sector.

As diferentes xornadas permitiron tamén visibilizar a riqueza e diversidade do patrimonio museístico da provincia, así como algúns dos principais desafíos compartidos, entre eles a necesidade de reforzar a dinamización, a visibilidade e a creación de sinerxías estables que contribúan á sustentabilidade destes espazos.

Outro dos aspectos máis valorados foi a boa sintonía xerada entre os participantes e institucións implicadas, confirmando a existencia dunha vontade compartida de avanzar cara a modelos de cooperación territorial máis sólidos e coordinados.

 

 

As sesións combinaron presentacións de experiencias, visitas aos centros anfitrións, dinámicas participativas e intervencións de especialistas externos con experiencia en redes museísticas doutros territorios, achegando novas perspectivas e ferramentas útiles para o futuro do sector en Ourense.

A Deputación de Ourense subliña que esta experiencia constitúe un punto de partida dentro dunha estratexia máis ampla de fortalecemento do ecosistema cultural e museístico provincial, favorecendo procesos de colaboración que permitan seguir difundindo, estudando e poñendo en valor os recursos patrimoniais da provincia.

A xornada celebrada hoxe serviu tamén para recoller os principais resultados e aprendizaxes do programa, ademais de coñecer experiencias de referencia no traballo en rede no ámbito museístico, pechando así unha primeira etapa que abre novas oportunidades para o patrimonio cultural ourensán.

Back to top button