
A Deputación de Ourense pon en marcha, por segundo ano consecutivo, o programa TERnadal, unha iniciativa que combina termalismo, benestar e convivencia para ofrecer ás persoas maiores de 50 anos a oportunidade de desfrutar das festas de Nadal nos balnearios da provincia. O presidente provincial, Luis Menor, anunciou hoxe a apertura desta nova edición durante a comparecencia posterior á Xunta de Goberno, coincidindo coa publicación das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
O programa enmárcase na estratexia termal da Deputación contra a soidade non desexada, un dos grandes retos sociais dunha provincia caracterizada polo envellecemento da poboación e a dispersión territorial. A iniciativa busca ofrecer unha alternativa de descanso e convivencia durante unhas datas nas que o sentimento de soidade pode intensificarse, especialmente entre as persoas que viven soas ou teñen lonxe os seus familiares.
“O Nadal é tempo de encontro e de familia, pero tamén é a época do ano na que moitas persoas senten con máis forza a soidade. Con TERnadal queremos ofrecerlles unha alternativa real: compañía, mesa compartida e actividades en común nas datas máis sinaladas”, destacou Luis Menor.
O presidente provincial lembrou que esta iniciativa forma parte do legado de José Juan Cerdeira, impulsor de numerosas políticas de benestar social na Deputación, e subliñou a vontade do goberno provincial de dar continuidade ao seu traballo. “Continuando este programa honramos do mellor xeito a súa memoria, mantendo o mesmo pulo e a mesma vocación de servizo”, afirmou.
A primeira edición de TERnadal recibiu máis de 500 solicitudes e sumou 1.920 pernoctacións, uns resultados que avalan a continuidade dunha proposta que combina dous obxectivos estratéxicos: promover o benestar e a socialización das persoas e contribuír á actividade económica dos establecementos termais da provincia.
“Ourense ten no termalismo unha riqueza extraordinaria, e desde a Deputación queremos que esa riqueza se traduza en oportunidades de benestar, convivencia e desenvolvemento económico”, sinalou Menor, quen incidiu en que os balnearios deben entenderse tamén como espazos de encontro, relación e comunidade.
Menús especiais e actividades para compartir o Nadal
A segunda edición de TERnadal incorpora novidades destinadas a reforzar o carácter social e de convivencia do programa. Entre elas destaca a organización de menús especiais para os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro de 2027, que permitirán ás persoas participantes celebrar as principais datas do Nadal nos propios establecementos termais.
A oferta complétase con programas específicos de animación social, pensados para favorecer a participación en actividades compartidas e facilitar as relacións persoais. As estancias incluirán aloxamento, pensión completa con bebidas, dúas técnicas balnearias por persoa e revisión médica para quen a solicite.
O programa está dirixido ás persoas que teñan cumpridos ou cumpran 50 anos ao longo de 2026 e reúnan os requisitos establecidos nas bases.
A Deputación subvencionará con 75 euros por persoa e día as estancias das persoas empadroadas na provincia de Ourense, mentres que as non empadroadas poderán acceder a unha axuda de 25 euros diarios.
Nesta edición participan sete establecementos termais: Eurostars Vila de Allariz, Gran Balneario do Carballiño, Arnoia Caldaria, Laias Caldaria, Lobios Caldaria, Balneario de Cortegada e Balneario de Caldas de Partovia.
Solicitudes abertas ata o 23 de decembro
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 23 de decembro de 2026 ou ata que se esgoten as prazas dispoñibles. As axudas concederanse por orde de presentación das solicitudes no rexistro. A información sobre os establecementos participantes, as quendas, os prezos e a dispoñibilidade de prazas poderá consultarse na páxina web www.termalismourense.com, a través da cal tamén se realizará a tramitación.
Co obxectivo de facilitar o acceso ao programa, especialmente ás persoas que teñan dificultades para realizar trámites electrónicos, a Deputación habilita distintas alternativas, entre elas a tramitación presencial nos balnearios colaboradores, a presentación da documentación nos rexistros habilitados e a identificación dixital por voz. A Área de Benestar ofrecerá igualmente información e asistencia ás persoas interesadas.
O presidente provincial concluíu destacando o obxectivo social desta iniciativa: “Este Nadal queremos que os balnearios de Ourense sexan tamén un lugar de compañía, e que ninguén teña que pasar estas festas en soidade se non o desexa”.

A Xunta de Goberno aproba máis de 583.000 euros en axudas
Na mesma comparecencia, Luis Menor deu conta dos acordos adoptados pola Xunta de Goberno da Deputación, que abordou 17 asuntos relacionados coa cooperación municipal, as infraestruturas, a vivenda, o deporte e a protección animal, con axudas por un importe global de 583.376,59 euros.
O principal bloque corresponde á cooperación cos concellos, con 538.376,59 euros destinados a actuacións de mellora de infraestruturas e servizos municipais, incluída a rehabilitación de vivendas.
No ámbito das infraestruturas viarias, a Xunta de Goberno aprobou subvencións para o Concello de Celanova, por importe de 48.000 euros, destinadas ao reasfaltado de vías municipais; Xunqueira de Ambía, con 89.999,97 euros para traballos de bacheo e regos superficiais nas parroquias de Abeleda, Graña e Sobradelo; e Amoeiro, con 75.000 euros para a pavimentación e mellora da drenaxe da estrada municipal de Priorato a Bacurín.
Tamén se concederon dúas subvencións ao Concello de Vilar de Santos, por importes de 7.914,69 e 12.985,35 euros, destinadas á mellora de camiños rurais e ao arranxo de camiños no núcleo da Venda, respectivamente. En materia de equipamentos e servizos básicos, aprobáronse axudas para Esgos, con 22.000 euros para a mellora dos abastecementos municipais; Lobeira, con 40.330 euros para a construción dunha nave de maquinaria; e Manzaneda, con 9.993,72 euros para o alumeado na contorna do centro médico e da residencia. Pola súa banda, Vilamarín recibirá 48.000 euros para actuacións de eficiencia enerxética e Rubiá contará con 84.152,86 euros para financiar a achega municipal ás obras previstas no Plan Hurbe, en colaboración coa Xunta de Galicia.
No ámbito da vivenda, destaca a concesión dunha subvención de 100.000 euros ao Concello de Chandrexa de Queixa para a rehabilitación de vivendas no poboado de Celeiros. Esta actuación permitirá avanzar na recuperación de patrimonio residencial existente e apoiar a dispoñibilidade de vivenda no rural, unha cuestión de especial relevancia para os municipios da provincia.
A Xunta de Goberno tamén aprobou unha subvención de 20.000 euros para a Asociación de Escaladores Ourensáns (ASESOU), destinada á ampliación e mellora do Centro Provincial de Tecnificación de Escalada.
Ademais, resolveu a convocatoria de subvencións para asociacións de protección animal que colaboran na xestión de animais procedentes dos centros de acollida da Rede Provincial, cunha dotación de 25.000 euros. As entidades beneficiarias foron a Asociación Agallas e a Protectora de Animais Arume.
Finalmente, a sesión abordou diferentes asuntos de carácter administrativo, entre eles expedientes relativos ao programa provincial de cooperación COOPEROU 2026 nos concellos dos Blancos e da Merca, así como rectificacións de erros materiais en acordos de subvencións.