
A Deputación de Ourense avanza segundo os prazos previstos coa execución do 80% das tarefas de retirada de entullo na localidade da Bouza, no concello de Viana do Bolo, considerada a “zona cero” das riadas que afectaron á parte oriental da provincia o pasado 17 de xuño. Así o vén de comunicar esta institución provincial neste venres 10 de xullo.
Asegura, ademais, que se afronta “a fase final duns traballos que resultaron ser de maior complexidade á inicialmente prevista. A acumulación dun importante volume de entullo obrigou a intensificar as tarefas e realizar unha lixeira ampliación dos medios dispostos sobre o terreo, para poder garantir unha limpeza completa, eficaz e totalmente segura para a veciñanza da zona”.
Nestas xornadas de intenso traballo, iniciadas o pasado 1 de xullo, retiráronse preto de 3.000 metros cúbicos de entullo, o que equivale ao movemento de máis de 230 camións para transportar o material. Actualmente os medios materiais que se atopan a traballar na zona son unha retroescavadora de gran tonelaxe (30 toneladas) e tres camións de carga.
Desde a Deputación de Ourense estímase que a actual fase de traballos na Bouza quede finalizada ao redor do 14 de xullo, para trasladar despois os medios humanos e materiais á outra localidade tamén gravemente afectada, Pixeiros, onde se prevén tres xornadas de traballo para realizar os labores de limpeza de escombros.
