
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, celebrada nesta mañá, aprobaba un total de cinco asuntos que mobilizan 363.910,78 euros destinados a reforzar ámbitos estratéxicos para a provincia como a seguridade e protección das persoas, a cultura como ferramenta de promoción territorial e a cooperación cos pequenos concellos.
Así o explicou o presidente provincial, Luis Menor, na rolda de prensa posterior á sesión semanal da Xunta de Goberno, na que destacou especialmente as axudas destinadas ás agrupacións de Protección Civil e o apoio institucional ao OUFF 2026.
No primeiro dos asuntos aprobados, a Deputación resolveu a convocatoria de subvencións destinadas ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de concellos, cun importe total de 75.000 euros.
Estas axudas permitirán apoiar a un total de 55 agrupacións da provincia, financiando actuacións relacionadas coa adquisición de equipamento, vestimenta, material de emerxencias e comunicacións, seguros, gastos operativos e melloras para intervencións e rescates.
As entidades beneficiarias son as agrupacións de A Forxa-Porqueira, A Bola, A Gudiña, A Mezquita, A Pobra de Trives, A Rúa, A Veiga, Allariz, Avión, Baltar, Bande, Baños de Molgas, Barbadás, Beariz, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Cartelle, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Coles, Cortegada, Cualedro-Monterrei, Entrimo, Esgos, Larouco, Laza, Maceda, Manzaneda, Maside, Montederramo, Muíños, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, Petín, Piñor, Rairiz de Veiga, Ribadavia, Riós, San Cibrao das Viñas, San Xoán de Río, Sarreaus, Verín, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras, Vilardevós, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, O Bolo, O Carballiño, O Irixo, Os Blancos e a AVPC da Mancomunidade Terra.
Luis Menor puxo en valor “o compromiso e a entrega” do voluntariado de Protección Civil, destacando que representan “unha rede fundamental para a seguridade da cidadanía, especialmente no rural ourensán”.
“Son persoas que dedican o seu tempo de maneira altruísta para estar ao servizo dos veciños cando máis se lles necesita”, subliñou o presidente provincial.
A maior parte das subvencións concedidas alcanzan os 1.500 euros, importe máximo previsto nas bases da convocatoria.
Apoio ao OUFF 2026
Outro dos asuntos centrais da sesión foi a aprobación dunha achega de 250.000 euros á Asociación Cultural Luarada para a organización do OUFF 2026, o Festival Internacional de Cine de Ourense, que celebrará a súa edición número 31 entre os días 25 de setembro e 4 de outubro.
Luis Menor definiu o OUFF como “moito máis ca unha cita cultural”, asegurando que se trata “dunha marca consolidada da provincia, dun escaparate internacional para Ourense e dun proxecto estratéxico que contribúe a proxectar a nosa identidade e atraer actividade económica e talento audiovisual”.
O festival contará cunha ampla programación que combinará cinema, formación, encontros profesionais, industria audiovisual, publicacións, concertos, exposicións e actividades para todos os públicos.
Entre os contidos previstos destacan a Sección Oficial Internacional, a Sección Panorama Galicia dedicada ás producións galegas, programación específica de curtametraxes nacionais e internacionais, así como iniciativas como o OUFF Escola ou o certame Faíscas, orientado á creación audiovisual exprés.

O presidente provincial, Luis Menor, comparece en rolda de prensa para dar conta dos asuntos aprobados en Xunta de Goberno.
Cooperación Municipal
No apartado de cooperación municipal, a Xunta de Goberno aprobou tres axudas destinadas a mellorar infraestruturas e servizos locais en pequenos municipios da provincia, cun importe global de 39.910,78 euros.
En concreto, aprobouse unha subvención de 16.688,39 euros ao Concello de Paderne de Allariz para a demolición do antigo centro de saúde; outra de 7.223,41 euros para a reposición do saneamento en Ermide; e unha terceira de 14.998,98 euros ao Concello de Piñor para actuacións de iluminación e equipamento da contorna do centro cultural.
Luis Menor salientou que estas actuacións “exemplifican o modelo de cooperación municipal da Deputación”, incidindo en que “a razón de ser desta institución é apoiar aos pequenos concellos da provincia, especialmente nun territorio como o noso, onde 91 dos 92 municipios son pequenos concellos”.