
A Deputación de Ourense vén de aprobar este luns na súa Xunta de Goberno un conxunto de acordos que mobilizan 681.000 euros, destinados principalmente ao reforzo da cooperación cos concellos e ao impulso de programas de deporte base e igualdade de oportunidades.
O presidente provincial, Luis Menor, destacou que estas decisións responden a unha forma de gobernar baseada en “escoitar aos concellos, priorizar as súas necesidades e dar resposta con feitos, a través de investimentos útiles que melloran a calidade de vida no territorio”. O presidente provincial subliñou que “estas actuacións demostran que a cohesión territorial constrúese con investimentos concretos que chegan a todos os concellos, independentemente do seu tamaño, e con programas que xeran oportunidades reais para a cidadanía”.
A Deputación de Ourense continúa así avanzando nun modelo de cooperación municipal eficaz, orientado a dar resposta ás necesidades do rural e a fortalecer o equilibrio territorial da provincia.
Cooperación municipal: investimentos en 10 concellos
A maior parte dos fondos aprobados destínanse a actuacións en 10 concellos da provincia, con proxectos centrados na mellora de infraestruturas, servizos básicos e eficiencia enerxética.
Entre as actuacións destacan a asignada ao Concello de Maside, cun investimento global de 250.000 euros para a renovación do céspede e mellora do alumeado do campo de fútbol. Neste caso, a Xunta de Goberno aprobou tamén un axuste administrativo para unificar o obxecto de dúas subvencións correspondentes ao mesmo proxecto, garantindo a súa correcta tramitación sen incremento de gasto.
As outras achegas foron para Avión, con 60.000 euros para renovación de alumeado público e implantación de tecnoloxías TIC; Boborás, cunha achega de 9.000 euros para mellora da eficiencia das captacións de auga e dixitalización, ademais dunha modificación do plan de cooperación; A Bola, con 60.000 euros destinados ao acondicionamento do entorno do Barreal e á apertura de pista entre A Seara e Rairigo; O Castro de Caldelas, con 40.000 euros para pavimentación de viarios municipais; Maceda, con 25.000 euros para mellora da iluminación pública no barrio das Canteiras; San Xoán de Río, con 47.900 euros para mellora de firmes en vías municipais. A Veiga, con actuacións que suman 50.000 euros en materia de saneamento e infraestruturas e Vilar de Barrio, con 37.000 euros para mellora de viarios municipais.
Ademais, aprobáronse modificacións puntuais do Plan provincial de cooperación en concellos como Boborás e A Mezquita, co obxectivo de adaptar os investimentos ás necesidades reais de cada municipio.

O EsquiOU consolídase como programa de referencia
No ámbito deportivo, a Xunta de Goberno aprobou unha achega de 102.000 euros para o programa EsquiOU 2026, mantendo o esforzo económico tras o incremento realizado nas pasadas edicións. Esta iniciativa, que se desenvolve na Estación de Montaña de Manzaneda, conta con 1.050 prazas distribuídas en dez quendas, dirixidas a escolares de toda a provincia, e esgota a súa capacidade en poucos días, consolidándose como unha das propostas máis demandadas polas familias ourensás.
O programa combina práctica deportiva, convivencia e formación en valores, garantindo ademais a participación de menores con necesidades especiais e facilitando o acceso mediante unha cota simbólica para as familias, co resto do custo subvencionado pola Deputación.
Deste xeito, a institución provincial reforza o seu compromiso coa igualdade de oportunidades, a inclusión e a cohesión territorial, impulsando iniciativas que constrúen provincia desde a infancia.