OurenseÚltima hora

A Deputación mobiliza máis de 586.000 euros para apoiar investimentos municipais e reforzar o tecido empresarial da provincia

A institución provincial aproba dúas liñas de colaboración coa Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao por importe superior aos 162.000 euros

 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de aprobar na súa reunión semanal deste luns un total de 15 acordos que mobilizan 586.264,65 euros, cun protagonismo especial para a cooperación municipal, que concentra máis de 424.000 euros, así como para a colaboración co tecido empresarial da provincia.

O presidente provincial, Luis Menor, destacou que estes acordos reflicten “o compromiso permanente da Deputación coa cooperación cos concellos e co apoio ás entidades que contribúen a crear actividade económica, emprego e oportunidades de futuro en Ourense”.

O principal bloque de acordos aprobados corresponde á cooperación cos concellos, cun investimento total de 424.006,40 euros destinado á mellora de infraestruturas, servizos e equipamentos municipais. Entre as actuacións aprobadas figura unha subvención de 50.000 euros para o Concello da Teixeira destinada á mellora de viais nos núcleos de Abeleda e Cristosende.

No ámbito comunitario e social, a Deputación destina 45.000 euros ao Concello de Carballeda de Avia para gastos de funcionamento da Casa Comunitaria e outros 45.000 euros ao Concello de Quintela de Leirado co mesmo obxectivo. Ademais, apróbase unha achega de 57.150,65 euros para Carballeda de Avia destinada á construción dun Centro Social Multiusos.

Tamén se aproban 4.000 euros para o Concello de Bande destinados ao mantemento do campo de fútbol municipal, así como unha axuda de 2.994,75 euros para o Concello de Cualedro para a organización da súa carreira pedestre.

No caso de Monterrei, a Xunta de Goberno deu luz verde a dúas subvencións: unha de 8.712 euros para o convenio do Balneario de Requeixo, correspondente ás analíticas dos anos 2025 e 2026, e outra de 15.000 euros para a celebración da Festa do Maior deste exercicio.

A institución provincial tamén apoiará a realización do Impact Campus de San Xoán de Río cunha achega de 18.150 euros, así como a organización da Festa do Esquecemento de Xinzo de Limia, que recibe unha subvención de 13.000 euros.

No ámbito deportivo, apróbanse ademais dúas axudas para o Concello de Ribadavia, por importe de 15.000 euros cada unha, destinadas á adquisición dunha máquina de musculación multiusos e dunha estrutura rack multifunción para o Centro Deportivo Municipal O Consello.

 

 

Apoio ao tecido empresarial do Polígono de San Cibrao

A Xunta de Goberno aprobou tamén dúas liñas de colaboración coa Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, por un importe global de 162.258,25 euros.

Por unha banda, a entidade recibirá unha subvención de 40.000 euros para gastos de funcionamento e mantemento correspondentes ao exercicio 2026.

Ademais, apróbase unha achega de 122.258,25 euros destinada ao proxecto de adecuación e ampliación do edificio multiusos do polígono.

Segundo destacou o presidente provincial, estas actuacións permiten reforzar os servizos e infraestruturas dun dos principais motores económicos da provincia, contribuíndo á competitividade das empresas instaladas neste parque empresarial e ao impulso da actividade económica e do emprego en Ourense.

Acondicionamento do campo de fútbol municipal de Cenlle

Entre os acordos aprobados destaca especialmente a achega de 150.000 euros ao Concello de Cenlle, correspondente á anualidade de 2026 do convenio plurianual de colaboración subscrito entre ambas institucións para o acondicionamento do campo de fútbol municipal.

Esta actuación supón un investimento global superior aos 402.000 euros, dos que a Deputación achega máis de 362.000 euros distribuídos entre os exercicios 2025, 2026 e 2027.

O proxecto permitirá modernizar e mellorar as instalacións deportivas municipais, favorecendo a práctica deportiva, especialmente entre a mocidade, e reforzando a dinamización social do municipio.

Luis Menor subliñou que esta actuación exemplifica “a filosofía coa que traballa a Deputación, colaborando cos concellos para facer realidade investimentos estratéxicos que melloran a calidade de vida da veciñanza e contribúen ao equilibrio territorial da provincia”.

Back to top button