
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de abordar na súa reunión deste 24 de agosto 30 asuntos que mobilizan un total de 796.589,13 euros, cun especial protagonismo do apoio ao sector primario da provincia, ao que se destinan 350.000 euros a través de dúas convocatorias, ambas de nova creación e froito dos compromisos adquiridos pola institución provincial.
O presidente da Deputación, Luis Menor, destacou que estas medidas permiten avanzar nunha estratexia que vincula o apoio aos profesionais do sector primario coa conservación do territorio e a prevención dos incendios. “Apoiar aos nosos agricultores e gandeiros non é só apoiar unha actividade económica, é apoiar a quen mantén vivo e coidado o territorio da provincia de Ourense”, salientou.
A principal novidade é a aprobación das bases dunha nova convocatoria de axudas para a prevención dos incendios forestais e o apoio á gandaría e ás explotacións agrícolas, dotada con 200.000 euros. “É unha liña nova que nace cunha idea moi clara: apoiar aos profesionais que manteñen vivo o noso rural é tamén investir na conservación e na protección do territorio”, explicou Menor.
A convocatoria estrutúrase en dúas liñas. A primeira conta con 25.000 euros para gasto corrente e permitirá financiar a recollida, transporte, tratamento e reciclaxe dos plásticos agrícolas xerados polas explotacións. Poderase subvencionar ata o 100 % do gasto, cun máximo de 1.500 euros por beneficiario. A segunda está dotada con 175.000 euros para investimentos e permitirá financiar a adquisición de maquinaria específica para a prevención de incendios e a xestión preventiva da biomasa, como trituradoras, rozadoras de tractor ou cisternas agrícolas, ademais doutros bens inventariables relacionados coa actividade das explotacións. As axudas poderán alcanzar os 8.500 euros por beneficiario, cun máximo do 70 % do investimento subvencionable, e unha mesma explotación poderá recibir ata 10.000 euros sumando ambas as liñas. O prazo para solicitar estas axudas rematará o 25 de setembro.

150.000 euros para fomentar a recría
A segunda novidade é a convocatoria aprobada pola Xunta de Goberno destina 150.000 euros ao fomento da recría de femias de gando vacún, ovino e caprino nas explotacións extensivas da provincia. O obxectivo é incentivar que os animais nacidos nas propias explotacións permanezan nelas para a reposición e renovación dos rabaños, compensando parcialmente o esforzo económico que supón para os gandeiros conservar estes animais fronte á súa comercialización temperá.
Dos 150.000 euros, 130.000 destínanse ao sector bovino e 20.000 ao ovino e cabrún. As axudas poderán alcanzar os 500 euros por animal bovino, cun máximo de 6.000 euros por explotación, e os 60 euros por animal ovino ou caprino, cun límite de 1.800 euros por explotación.
A convocatoria busca mellorar a viabilidade económica das explotacións extensivas, favorecer a renovación dos rabaños, conservar a cabana gandeira ourensá e contribuír á continuidade da actividade agraria e á fixación de poboación no rural. Tamén incide na prevención dos incendios, xa que o mantemento do pastoreo extensivo favorece a redución da biomasa combustible. O prazo remata tamén o 25 de setembro.
Máis de 221.000 euros para os concellos
No capítulo de cooperación municipal, a Xunta de Goberno aprobou achegas por 221.389,13 euros. Entre elas figuran 40.000 euros para o Concello de Avión, destinados aos gastos de funcionamento do GES; 50.000 euros para Verín, para o funcionamento dos conservatorios; e 45.000 euros para Castrelo de Miño, destinados á súa casa comunitaria.
A Mezquita recibe 11.481,63 euros para honorarios dun arquitecto técnico e outros 907,50 euros para gastos da casa comunitaria, mentres que Lobeira contará con 27.000 euros para dúas actuacións: unha fosa séptica en Tedos, con 11.000 euros, e o asfaltado en Fondevila, con 16.000 euros.
No ámbito cultural e festivo, destínanse 6.000 euros ao Premio Antón Losada de Boborás; 15.000 euros á Festa da Vendima de Monterrei; 10.000 euros á Festa da Pataca de Vilar de Barrio; e 16.000 euros ao VIII Festival Internacional de Bandas de Gaitas de Xinzo de Limia.
A Xunta de Goberno tamén aborda dúas modificacións do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais de 2026 relativas aos concellos da Mezquita e Pontedeva.
225.200 euros para o tecido económico, social, cultural e deportivo
Por último, a Deputación destina 225.200 euros á colaboración con entidades da provincia. No ámbito económico, empresarial e profesional mobilízanse 92.500 euros, entre os que destacan 60.000 euros para o Clúster da Pizarra de Galicia; 10.500 euros para o Centro Comercial Aberto de Ourense; 10.000 euros para a Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomas e Autónomos de Ourense; 10.000 euros para a Asociación Provincial de Taxis de Ourense; e 2.000 euros para a Asociación Autónoma de Empresarios de Instalacións e Reparacións.
No ámbito social, concédense 45.000 euros, dos que 40.000 corresponden ás Hermanitas de los Ancianos Desamparados para a adquisición de maquinaria para lavandería e 5.000 euros á Asociación Cultural Vagalume Valdeorras para o proxecto Encontros Familia Escola.
No eido deportivo, o Fútbol Sala Ourense Femenino recibe 50.000 euros para gastos de funcionamento do club na temporada 2025-2026.
Finalmente, outros 37.700 euros destínanse a iniciativas culturais, musicais, patrimoniais e de dinamización, entre elas as desenvolvidas pola Banda de Gaitas do Irixo, a Banda de Gaitas de Celanova, a Sociedade Amigos da Banda de Música de Vilanova dos Infantes, a Asociación de Amigos do Camiño da Vía da Prata, a Asociación Integra da Limia e a Fundación Estanislao Reverter.