OurenseÚltima hora

A Deputación presenta 5 solicitudes de axuda ao Ministerio de Política Territorial, por máis de 2M€, para restablecer os danos das choivas de inverno

Ademais, a Deputación de Ourense dá por rematados os traballos de retirada de entullo na Bouza e traslada hoxe o operativo á localidade de Pixeiros

Fachada da Deputación de Ourense. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Deputación de Ourense rexistrou hoxe cinco solicitudes á convocatoria estatal para a recuperación de danos en infraestruturas municipais e rede viaria provincial e insular, aprobada pola Secretaría de Estado de Política Territorial o pasado 18 de xuño, ao abeiro da declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil (ZAGEPC) polas inundacións e outros fenómenos meteorolóxicos adversos rexistrados entre o 10 de novembro de 2025 e o 9 de febreiro de 2026.

As cinco actuacións, redactadas pola Área de Infraestruturas da Deputación, están vinculadas ao episodio de fortes choivas do pasado ano e xaneiro e suman un orzamento total de 2.206.224,46 euros.

Estas actuacións inclúen:

    • A reconstrución de muro na OU-0504, tramo A Casilla–Barra de Miño (Coles), por importe de 68.674,19 euros. Trátase da reconstrución e estabilización do muro de escolleira da marxe dereita da vía, cuxo desprazamento provocou o afundimento do firme, xunto coa reposición do pavimento e unha nova drenaxe.
  • A limpeza de foxos e desaugadoiros na zona sur da provincia cun investimento de  222.940,59 euros que permitirían a limpeza e desatoamento de foxos, canos e taxeas en trece estradas provinciais dos concellos de Viana do Bolo, Vilardevós, Monterrei, Sarreaus, Baltar, Calvos de Randín, Muíños, Lobios e Entrimo, colmatadas de sedimentos e arrastres, con risco para a seguridade
  • Outra das actuacións será o muro de escolleira na OU-0504 (Ourense) por importe de 220.558,91 euros, para a construción dun novo muro de contención para estabilizar un treito onde o desprazamento do terraplén provocou a perda de soporte da plataforma e o desprendemento do arcén.
  • Tamén se contempla reforzar o firme en estradas provinciais, cun orzamento de 1.648.760,36 euros. A actuación de maior envergadura, distribuída en catro lotes (centro, norte, oeste e sur), repara a capa de rodaxe de trece estradas provinciais dos concellos de Xunqueira de Espadanedo, San Cibrao de Viñas, Barbadás, A Merca, Celanova, Pobra de Trives, Cartelle, Leiro, Coles, Sandiás e Vilar de Barrio, afectadas por baches, brandóns e descarnaduras que comprometían a impermeabilidade do firme e a seguridade do tráfico.
  • E, por último, o muro de contención na OU-0306, San Cristovo–Leiro (Carballeda de Avia) por importe de 45.290,41 euros, para un muro de escolleira que estabilice un treito onde se rexistrou o desprendemento dunha parte significativa da calzada, xunto coa reconstrución do firme e a reposición da sinalización.

Estas cinco solicitudes enmárcanse no réxime de subvención de ata o 50% do custo, previsto no acordo do Consello de Ministros do 10 de febreiro de 2026, e quedan agora pendentes de tramitación pola Subdelegación do Goberno en Ourense.

Obras de retirada de entullo en Viana

A Deputación de Ourense completou os traballos de retirada de entullo na Bouza e trasladou hoxe mesmo o dispositivo de limpeza á localidade de Pixeiros, ambas consideradas a “zona cero” das riadas de xuño na provinica.

O operativo técnico, composto por unha retroescavadora e tres camións de gran tonelaxe, xa se atopa traballando sobre o terreo co obxectivo de acondicionar a zona. Segundo as estimacións dos técnicos provinciais, prevese que as tarefas de limpeza e desentullo nesta nova localización queden totalmente finalizadas o vindeiro martes.

Back to top button