OurenseÚltima hora

A Deputación presenta o número 55 da revista “Raigame”, dedicado a Otero Pedrayo no seu 50 cabodano

A publicación, editada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación, súmase aos actos de homenaxe do patriarca das letras galegas e inclúe a reedición do histórico número 12 da revista

 

A Deputación de Ourense vén de presentar o número 55 da revista Raigame, que nesta ocasión está dedicado á figura de Ramón Otero Pedrayo con motivo do seu cincuenta cabodano. A presentación deste número da revista de Arte, Cultura e Tradicións Populares Raigame, editada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, foi presentada hoxe no Pazo Provincial, polo vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; o director da publicación, Xulio Fernández; e o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López.

A través destas páxinas, a revista achega ao lector a un dos grandes referentes da cultura galega, percorrendo as terras de Trasalba e a súa xeografía —cun texto de Xaquín Lorenzo Fernández— e o Ourense no que desenvolveu a súa actividade intelectual.

César Fernández dixo que a cultura ocupa “un papel central na acción de goberno da Deputación”, un compromiso que se materializa a través deste tipo de publicacións como Raigame que neste número rende tributo a unha persoa “sen a cal non poderiamos entender o galeguismo”.

Ao fío disto, o presidente da Fundación puxo en valor a figura de “unificación” de Otero Pedrayo que aglutina “sentimentos de tódolos ambitos”  lembrando que, despois de tantos anos, “conseguiu que aglutinar a todo o Parlamento para que este 2026 sexa ano oteriano”.

Pola súa parte, o director da revista explicou que este número é un compendio do que xa se publicou no ano 2001 -con motivo do 25 aniversario do pasamento de Otero Pedrayo- con artigos novos.

Cunha tirada de 750 exemplares, este novo número da revista Raigame contou coa colaboración da Fundación Otero Pedrayo, o Consello da Cultura Galega, o Arquivo Sonoro de Galicia e a Biblioteca da Deputación de Ourense, así como coa participación de especialistas como Patricia Arias Chachero e Felipe-Senén.

 

 

Reedición do histórico número 12 e textos sobre a súa voz e legado

Coincidindo con esta efeméride, decidiuse reeditar tamén o número 12 da revista, publicado orixinalmente no ano 2001 e dedicado integramente a Otero Pedrayo. Este volume recolle colaboracións de persoas que o trataron persoalmente, como Agustín Sixto Seco, Francisco Fernández del Riego ou Xosé Ogando Vázquez, e de destacados estudosos da súa obra como Marcos Valcárcel, Afonso Vázquez-Monxardín, Camilo Valdeorras e Carlos Baliñas.

A reedición acompáñase dos artigos que no seu día se publicaron no número 14, con firmas como Xosé Paz, Borobó ou Beatriz Lorenzo, e cunha escolma de literatura epistolar con Gonzalo Gurriarán e Carlos Baliñas Fernández, xunto a outros traballos aparecidos en diferentes números de Raigame.

Por último, a revista péchase con dous artigos asinados por Delfín Caseiro e Afonso Vázquez-Monxardín, que profundan na voz e no discurso do autor. O primeiro ofrece unha escolma da súa palabra organizada arredor dos eixes e temas recorrentes da súa obra; mentres que o segundo, aborda a viaxe de Otero Pedrayo a Bos Aires en 1959 e reproduce o discurso que pronunciou no xantar-homenaxe do Día de Galicia no Centro Ourensán da capital arxentina.

A revista distribuirase de xeito gratuíto a todos os concellos da provincia de Ourense, centros educativos, bibliotecas, museos e asociacións culturais. Así mesmo, calquera persoa interesada poderá retirala de balde nas instalacións do Servizo de Publicacións ou no Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo – Escola de Danza da Deputación de Ourense.

Back to top button