
O deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, xunto ao director das Xornadas de Folclore, Xulio Fernández Senra, presidían neste 13 de agosto no Salón de Plenos do Pazo Provincial a tradicional recepción institucional aos integrantes das agrupacións internacionais que participan nas XLI Xornadas de Folclore, unha das citas culturais máis consolidadas do verán ourensán.
O encontro permitiu dar a benvida á sede da institución provincial aos representantes das seis formacións que protagonizan esta edición, procedentes de Armenia, Ecuador, México, Serbia, Taiwán e Senegal, e que estes días están a levar a riqueza da súa música e danza tradicional por diferentes puntos da xeografía ourensá.
A recepción tivo este ano un momento especialmente emotivo coa homenaxe a María Dolores Ruiz Santiago, funcionaria xubilada que desenvolveu a súa carreira profesional na Universidade Laboral e que mantivo durante anos unha estreita vinculación coas Xornadas de Folclore. A organización quixo recoñecer deste xeito a súa dedicación e colaboración con esta cita cultural, tanto durante a súa etapa profesional como despois da súa xubilación, mantendo vivo o seu compromiso co desenvolvemento das Xornadas.
Rosendo Fernández trasladou aos participantes o saúdo da Deputación e agradeceulles a súa presenza na provincia, destacando que esta recepción “simboliza á perfección o espírito dunhas Xornadas que converten Ourense nun espazo de convivencia, intercambio e irmandade entre culturas chegadas de diferentes lugares do mundo”.
“Durante estes días non só temos a oportunidade de descubrir músicas, danzas, traxes e tradicións de países moi afastados xeograficamente, senón tamén de comprobar que a cultura é unha linguaxe universal capaz de achegar aos pobos e crear vínculos que permanecen máis alá dos escenarios”, salientou o deputado de Representación Institucional.
Fernández puxo tamén en valor a longa traxectoria dun festival que alcanza xa a súa 41ª edición e que “forma parte da memoria cultural e afectiva de varias xeracións de ourensáns”. Neste sentido, destacou especialmente o carácter provincial das Xornadas, “que permiten achegar espectáculos internacionais de primeiro nivel ás nosas vilas e compartir a cultura cos veciños e visitantes en todo o territorio”.

O deputado provincial animou aos integrantes das delegacións a aproveitar a súa estadía “para coñecer tamén Ourense, a nosa cultura, o noso patrimonio e, sobre todo, a hospitalidade da nosa xente”, desexándolles que “cando regresen aos seus países leven consigo unha pequena parte desta provincia e o recordo do cariño co que aquí os recibimos”.
Preto de 170 artistas de catro continentes
As XLI Xornadas de Folclore reúnen este ano preto de 170 artistas das formacións Sebastia Dance Ensemble – Taron Aesthetic Center, de Armenia; Elenco Ñukanchik, de Ecuador; Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua, de México; Folk Dance Group “Tucović”, de Serbia; YiTzy Folk Dance Theatre, de Taiwán; e Ballet Jammu, de Senegal.
Ata o vindeiro 20 de agosto, as agrupacións percorrerán un total de 16 vilas da provincia, levando ao público ourensán unha mostra da diversidade do patrimonio cultural inmaterial de catro continentes.
As Xornadas de Folclore están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e dos concellos participantes.