
A Deputación de Ourense continúa reforzando o seu apoio ao deporte base e, neste caso, á promoción do piragüismo na provincia coa entrega de novo material deportivo aos clubs ourensáns. O asesor de Deportes da Deputación, Diego Enrique Álvarez, mantivo un encontro cos representantes das entidades de piragüismo da provincia para facerlles entrega deste material, destinado fundamentalmente ao traballo que desenvolven coas categorías de base.
A iniciativa enmárcase no convenio de colaboración que manteñen neste ano 2026 a Deputación de Ourense e a Federación Galega de Piragüismo para fomentar esta disciplina na provincia e potenciar as súas escolas deportivas. Ao abeiro desta colaboración, fíxose entrega dun kayak a cada un dos seis clubs ourensáns.
No encontro participaron representantes de Piragüismo Ourense, Náutico Ribeiro, Fluvial Avión-Castrelo de Miño, Fluvial O Barco, Fluvial Allariz e SCDX Fontefría, de Muíños. As novas embarcacións serán empregadas tanto na formación dos nenos e nenas das súas escolas como na súa participación en próximas competicións.
Diego Enrique Álvarez destacou a importancia que lle dá a Deputación a “seguir facilitando aos clubs os medios necesarios para desenvolver o seu traballo coa canteira e achegar o deporte aos máis novos”, salientando especialmente o papel destas entidades na extensión da práctica deportiva por diferentes puntos da provincia.
A Deputación mantén así o seu compromiso co piragüismo ourensán e co labor desenvolvido polos clubs, contribuíndo á incorporación de novos deportistas e favorecendo a consolidación de estruturas deportivas de base tamén no rural da provincia.
