
A Deputación de Ourense celebrou esta mañá unha xornada de traballo e coordinación técnica, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, con alcaldes e técnicos municipais para resolver dúbidas sobre a xustificación dos fondos do Plan CooperOU 2026 e avanzar as liñas mestras da vindeira convocatoria.
Na reunión, presidida pola vicepresidenta primeira da institución provincial, Marta Nóvoa, participaron a interventora da Deputación, Mónica Legaspi; e o xefe do Servizo de Investimentos, Contratación e Patrimonio, Javier Martínez de Anta, para subliñar a importancia de axilizar as xustificacións actuais e evitar atrasos ou incidencias, ademais de adiantar as novidades e liñas clave do CooperOU 2027.
Durante a xornada, a vicepresidenta destacou a importancia da posta en marcha do Plan CooperOU, que sitúa no centro da xestión provincial a cooperación cos concellos con fondos estables, directos e transparentes, permitíndolle aos xestores municipais facer unha planificación e previsión rigorosa dos seus proxectos no tempo.
Neste sentido, Marta Nóvoa fixo fincapé no esforzo inversor do goberno provincial en cooperación: 74 millóns de euros destinados nestes tres anos de mandato aos concellos e mancomunidades da provincia a través do CooperOU. A vicepresidenta primeira da Deputación dixo que se trata “dunha aposta sen precedentes pola cooperación local”.

Novidades e liñas clave para o CooperOU 2027
Entre as principais novidades do Plan CooperOU 2027 destaca a compatibilidade entre as axudas deste plan e as subvencións nominativas, así como a simplificación da xestión mediante a fixación duns límites máximos de oito subvencións por entidade, das cales polo menos un 40% deberá reservarse obrigatoriamente para investimentos.
Blíndase ademais unha maior flexibilidade no gasto corrente ao permitir definir o seu obxecto de xeito amplo para axilizar a xustificación para as que se determinaran como prazo límite o 15 de outubro para gasto corrente e o 30 de novembro para investimento.