
A deputada do PP por Valdeorras na Deputación de Ourense, María Carmen González, que tamén é alcaldesa de Carballeda, explicaba a súa actuación durante o incendio de Valdeorras e tamén no que actualmente se mantén no seu municipio no pleno extraordinario que a Corporación provincial celebraba este 27 de agosto.
María Carmen González solicitaba o uso da palabra por alusións, tras referirse a ela no punto referido aos incendios forestais o voceiro provincial socialista Álvaro Vila, quen aludía ao incendio activo nestes momentos en Carballeda. “Agradezo que nos acompañe alcaldesa a pesares que o seu concello este inmerso nun lume de pouca importancia, segundo as súas propias palabras, pero no que levan ardido máis de 5.000 has, pese a dispoñer de todos os medios solicitados á Xunta”, dicía. “Tamén me gustaría que fixera extensivo o agradecemento do partido socialista e de toda a provincia, a todos aqueles voluntarios e veciños que vendo como ardían durante tres días Pena Trevinca, un lume que non existían para ninguén, se xuntaron e pasaron a protexer coas súas mans O Teixadal de Casaio de alto valor ecolóxico e que, finalmente, conseguiron atallar”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Carballeda e deputada respostaba, referíndose en primeiro lugar ao incendio de Seadur (Larouco) que afectaba á comarca, que “dos nove concellos de Valdeorras, só tres puxemos brigada municipal: O Bolo, A Veiga e Carballeda. A brigada municipal de Carballeda é profesional, custa moitos cartos que asume o Concello e foi tratada por concurso público, ademais, o sábado nefasto (16 de agosto) Carballeda montou, coa mesma empresa, pagada por nós, unha segunda brigada para atender aos veciños de Valdeorras. As brigadas de Carballeda e a mobilización do sector da lousa que aportou maquinaria ao distristo para axudar a extinción nos núcleos de Valdeorras foi posta á disposición do Distrito de Valdeorras , polo tanto, as brigadas de Carballeda traballaron en Vilamartín, no Barco, en Rubiá, en Larouco, etc. sempre baixo a dirección do distrito”.
Ademais, María Carmen González aseguraba que “esta deputada estivo de forma presencial no Distrito de Valdeorras axudando no que puido e no que se lle demandou, ademais vexo que no fala vostede cos seus alcaldes porque esta deputada de forma persoal se puxo en contacto cos rexedores socialistas para ofrecerlles a súa colaboración, o seu alento e o luns, xa pasado o día D, empezou a asomar o foco que veu de Zamora, a través da Serra de Pena Trevinca en Casaio, antes na Veiga”.
A deputada e alcaldesa de Carballeda especificaba tamén que “as máis de 4.000 has que vostede nomea, non son só de Carballeda, son de Carballeda e da Veiga. O Teixadal non ardeu, nin vai arder porque non o van permitir nin o Concello nin a veciñanza. Uns minutos antes da súa intervención chegoume unha foto dos veciños de Casaio dándome as grazas. Polo tanto, sinto que non poida ter vostede un morbo de destrución en Carballeda”.
Finalmente, a deputada tamén engadía que, uns minutos despois da intervención do voceiro socialista recibía información actualizada do incendio, “a través do axente que neste momento leva o incendio, transmíteme que hai 2 brigadas, un axente e un bulldozer que nos informan xa estabilizado, están repasando puntos quentes no perímetro. Polo tanto, non son merecedora das súas acusacións e penso que quero moito máis a Valdeorras que vostede”.