
O PSdeG-PSOE de Ourense vén de emitir un comunicado de prensa no que fala de “progresivo deterioro dos servizos de atención materno-infantil e saúde feminina no Hospital Público de Valdeorras” e pide á Xunta de Galicia que “poña fin aos recortes e garanta unha atención sanitaria digna, continuada e con persoal suficiente”. A deputada provincial socialista e alcaldesa de Vilamartín de Valdeorras, Sherezade Núñez, trasladou o seu apoio ás reivindicacións da asociación De Nai a Nai, que vén de facer públicas as preocupacións das mulleres da comarca pola situación asistencial que están a padecer.
Núñez considera especialmente “grave” a situación das consultas de matrona, xa que, segundo indica a asociación, “unha única profesional estaría asumindo actualmente o traballo das dúas consultas existentes, a de Atención Primaria e a de Atención Especializada, ao non estar cuberta a primeira. Unha situación que está a provocar un importante descontrol na organización das citas, dificultades de coordinación entre os dous niveis asistenciais e unha sobrecarga inasumible para a profesional que está intentando sacar adiante todo o servizo”, segundo o partido socialista.
A deputada socialista considera que este caso “evidencia a falta de planificación e de vontade da Xunta para garantir os servizos sanitarios na comarca. O problema non é a profesional que está atendendo ás mulleres, senón unha administración que non pon os medios necesarios, que non cobre as ausencias e que permite que prestacións fundamentais queden desatendidas. Non se pode descargar sobre o persoal sanitario a responsabilidade de tapar os buracos que deixa a política de recortes do Partido Popular”, subliña.