O Barco celebra neste 14 de setembro o día grande das Festas do Cristo. O fervor polo Nazareno sentíase de xeito especial ao longo da mañá deste 14 de setembro. Dende as 8 da mañá e ata as 11h. celebrábanse, cada hora,misas na Igrexa de San Mauro. Pero era a partir do mediodía cando a devoción polo Cristo envolvía as rúas da vila nunha concorrida procesión na que a súa imaxe era portada por membros da súa confraría.
Ademais, por terceiro ano consecutivo, a procesión ía encabezada polos estandartes e cruces das parroquias de toda a Unidade Pastoral, sendo ademais a imaxe invitada na procesión deste 2024 a da Virxe do Camiño de Rubiá. Tampouco faltaban na comitiva as Calantornias e os Cabezudos, xunto coa música da Agrupación Musical da Limia. Durante o percorrido a Policía Local encargábase de regular o tráfico, cortando puntualmente algunhas das rúas.
Multitude de persoas acodía a esta procesión que saía da Igrexa de San Mauro para dirixirse despois pola rúa Escura e logo xirar pola zona vella da vila, pasando polas rúas Real e San Roque para, finalmente, enfiar pola avenida Manuel Quiroga e logo voltar ata a igrexa de San Mauro, ata rematar na praza Maior, onde se oficiaba a misa maior ao aire libre.
A procesión e a santa misa estaba presididas polo reverendo José Antonio Prieto Flórez, director do colexio diocesano San Ignacio de Ponferrada, que estaba acompañado por outros sacerdotes, entre eles o párroco barquense, Jesús Álvarez.
Fotos: A.R.