
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, insta a manter a máxima prudencia nas estradas durante as próximas datas festivas, nas que a DGT prevé 314.000 desprazamentos na provincia de Ourense. Fíxoo con motivo da Operación Especial de Tráfico Nadal 2025-26, que comezou o 19 de decembro e se prolongará ata a medianoite do martes 6 de xaneiro.
Coincidindo o inicio da primeira etapa desta campaña con avisos de precaución por nevadas, especialmente nas estradas A-52 e N-525, Eladio Santos lembraba esta mañá a necesidade de que todos os usuarios e usuarias das vías de circulación poñan especial atención nas estradas. “Nestas datas xúntanse circunstancias que dificultan a condución como as escasas horas de luz, o incremento do tráfico e as condicións meteorolóxicas adversas, polo que é fundamental moderar a velocidade, empregar o cinto e o casco e non consumir alcohol e drogas antes de poñerse ao volante”, remarcou o subdelegado.
Tres fases
As previsións para este Nadal en Ourense apuntan ao desprazamento de 314.000 vehículos ata a noite do día de Reis. A Primeira Fase (entre o 19 e o 25 de decembro) concentra 120.000 desprazamentos; a Segunda Fase (entre o 26 de decembro e o 1 de xaneiro) moverá nas estradas ourensás máis de 109.000 vehículos. A Terceira e última fase discorrerá entre o 2 e o 6 de xaneiro e será a que menos movementos rexistre, cuns 77.000 vehículos previstos. Estas previsións foron calculadas polo Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste e Cantábrico, que xestiona as estradas desde Galicia ata Cantabria. Ademais, a estes desprazamentos hai que sumar aqueles movementos máis curtos, milleiros, que se realizan diariamente para ir ás zonas de ocio ou o cada vez máis presente, turismo vencellado ás decoracións e luces de Nadal.

Eladio Santos recomenda evitar na medida do posible os desprazamentos en horas desfavorables e moi desfavorables. Segundo a DGT, os venres 26 de decembro e 2 de xaneiro o horario máis adverso transcorre entre as 18:00 e as 21:00 horas, mentres que unha hora antes e unha despois desa franxa considéranse “horas desfavorables”. Así mesmo, se desaconsella viaxar os sábados das 9:00 ás 14:00 horas. Ademais, o xoves 25 e o domingo 28 de decembro, así como o martes 6 de xaneiro, o horario máis desfavorable sitúase entre as 19:00 e as 21:00 horas e os tramos denominados “desfavorables” comezan unha hora antes e rematan unha hora despois dese período, ás 22:00 horas.