
Na mañá deste xoves 5 de marzo, a directora executiva de SPEDION España, Beatriz García, recibía en Madrid o premio “Impulsoras do Transporte” na categoría de “Traxectoria empresarial”. Coincidindo coa celebración do IV Congreso Nacional da Muller no Transporte, organizado polo Grupo Difundalia e a Asociación Nacional da Muller no Transporte 3 días antes da celebración do 8-M, “o xurado premiou ás personalidades femininas máis importantes do sector en cinco categorías diferentes: Emprendemento, Volante, Empregabilidade, Formación, Igualdade de xénero e Traxectoria empresarial. Seis premios para seis mulleres que destacaron nos seus respectivos traballos en pos da igualdade e do empoderamento da muller no transporte”, explican dende a empresa con oficina na Rúa.
O premio “Impulsora da Traxectoria Empresarial” foi para Beatriz García, directora executiva de SPEDION España desde 2019. No discurso previo á entrega do galardón, a directora comercial da revista especializada Transporte Profesional, Nieves González, destacou que “hoxe celebramos non só unha traxectoria profesional a unha muller exemplar, se non tamén a historia dunha persoa que encarna o espírito do esforzo, a proximidade e a alegría en todo o que fai. Levaba uns anos no sector cando nos coñecemos, e ela xa demostraba unha ilusión e unha curiosidade de quen está disposta a aprendelo todo. En apenas uns anos, demostrou que o liderado non entende de antigüidade, se non de visión, compromiso e humanidade. Desde Galicia conseguiu dirixir con brillantez a unha empresa que non só reporta a Alemaña, se non que tamén inflúe en decisións estratéxicas como o deseño dos dispositivos que facilitan a telemática para camións e semirremolques. E todo iso sen perder nunca o seu sorriso. A súa enerxía é contaxiosa, a súa capacidade para inspirar aos demais admirable, e agora, ademais, engade a esta lista de logros o ser nai por segunda vez. Demostrando que se pode equilibrar con valentía e tenrura a vida profesional e a vida persoal”.

Evento de referencia
A cuarta edición do Congreso Nacional da Muller no Tranporte celebrouse esta mañá no Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Madrid. Un evento que se consolidou como un dos encontros de referencia para os profesionais do transporte e a loxística, no que se analizaron os principais retos do sector en España, e no que se debateron os principais problemas que lle afectan e as súas posibles solucións.
Durante a xornada, os asistentes puideron escoitar a condutoras profesionais de transporte de mercadorías por estrada, empresarias, expertas en seguridade viaria, directivas e outras profesionais, que compartirán a súa visión sobre un sector crave para a economía do noso país, analizado desde a perspectiva das mulleres que contribúen diariamente ao seu desenvolvemento e evolución.