CulturaCulturaÚltima hora

A directora Lucía Álvarez, natural de Mouruás (Río), presenta “Amores Brujos” no OUFF

Esta película ten sido escollida para dar inicio ao ciclo Colleita o pasado domingo

 

A directora Lucía Álvarez visitaba nesta semana o Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense para presentar a súa película Amores Brujos. No acto foi recibida por César Silva, asesor de programación do festival, quen destacou que o filme foi o encargado de inaugurar a sección Colleita o pasado domingo 28. Este ciclo é unha iniciativa que busca recuperar o vínculo con cineastas que xa participaron noutras edicións do festival, como é o caso de Lucía Álvarez. Ademais, na tarde do luns, proxectouse tamén unha curta da directora no propio centro cultural, consolidando así a súa presenza como unha gran amiga do certame.

Lucía Álvarez expresou a súa satisfacción por poder presentar o filme, unha obra que lle levou seis anos de traballo e da que se amosa especialmente orgullosa. Segundo explicou, «o proxecto parecía inicialmente case imposible de realizar debido á complexidade das pezas musicais que o compoñen».

Ademais, destacou que se trata da primeira película recoñecida polo ICAA (Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais) como 100% accesible, o que considera un logro significativo na loita por facer da cultura un dereito universal. Tamén quixo agradecer ao festival a súa aposta por proxectar en Ourense unha obra accesible, converténdose así nun referente para outros certames do país.

 

 

Amores brujos mergúllase no Manuel de Falla máis flamenco, visto a través dos ollos de María Lejárraga, unha muller esencial na historia cultural española que permaneceu na sombra ata hai pouco. A directora subliña que Manuel de Falla «non é tan coñecido como se adoita pensar» e que merecía unha obra cinematográfica que «lle fixese xustiza», especialmente tendo en conta que o propio compositor afirmaba non «escribir música para o cine porque era o cine quen lle debía unha película». Para Álvarez, dar cumprimento a esa idea converteuse nun deber moral.

Back to top button