ConcellosLaroucoÚltima hora

A directora xeral de Xuventude visita o campo de voluntariado de Larouco

 

Para coñecer in situ como se está a desenvolver o campo de voluntariado ambiental e arqueolóxico en Larouco, que se iniciaba o 4 de xullo e que finalizará este martes día 15, a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, desprazábase na mañá deste 14 de xullo ata este municipio valdeorrés.

Xunto á alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, visitaba o campamento e reuníase cos trece mozos e mozas participantes nesta edición. “Os campos de voluntariado son unha colaboración entre os Concellos e a Xunta de Galicia para ofrecer á mocidade de entre 18 e 30 anos unha oferta de ocio saudable. Neste caso están facendo labores medioambientais e tamén do coidado do patrimonio e mesmo cos máis pequenos que están de campamento”, tal e como sinalaba a directora xeral en declaracións ao Periódico O SIL.

 

 

Ademais matizaba que este é un dos numerosos campos de voluntariado que se están a reaizar en Galicia nesta ” campaña de verán da Xunta que este ano oferta 11.630 prazas, batendo de novo un récord histórico e sendo a campaña de verán máis grande de todo o país”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Larouco lembraba que se trata do cuarto campo deste tipo que ten lugar en Larouco. “Aínda que para o noso Concello supón un pequeno esforzo traer este campo de voluntariado estamos moi contentos e, especialmente, nesta edición na que houbo moita comunicación e unión dos rapaces do campo cos nenos do municipio”.

 

 

Así mesmo Patricia Lamela destacaba que “tamén os veciños están moi contentos, houbo moi boa aceptación. Este é o primeiro ano no que os rapaces se aloxan en Larouco, no albergue, xa que anteriormente ían ao concello da Veiga. Este cambio permítelles facer máis vida en Larouco e iso deixou no territorio unha pegada, son uns rapaces marabillosos e estamos moi satisfeitos”.

As actividades do campo veñen realizándose en xornada de mañá e, principalmente no xacemento arqueolóxico de Castrillón e no Lagar das Penelas, pero tamén inclúe actividades complementarias de carácter lúdico e excursións.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Back to top button