
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra participaba o 6 de febreiro, nunha reunión convocada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación cos consellos reguladores vitivinícolas, na que se abordaron cuestións relacionadas co contexto internacional do sector do viño, os acordos comerciais en análises e as políticas de promoción exterior.
Durante o encontro, o Ministerio trasladaba información sobre a evolución dos mercados internacionais do viño e sobre distintos acordos comerciais impulsados desde o ámbito da Unión Europea, entre eles o acordo con Mercosur e as negociacións con outros mercados como India e Indonesia.
Na reunión tamén se trataron as liñas xerais de promoción exterior do viño español, incluíndo as axudas da OCM (Organización Común de Mercados) destinadas á promoción en países terceiros.
Neste marco, o presidente da DO Ribeira Sacra, Antonio Lombardía, na súa condición de vocal representante das pequenas Denominacións de Orixe de España, trasladou ao ministro a necesidade urxente de simplificar os procedementos administrativos de acceso ás subvencións de promoción da OCM. Segundo expúxose, a complexidade actual destas liñas de axuda dificulta que as pequenas DO poidan beneficiarse dos fondos destinados á promoción internacional.

Durante a súa intervención, o presidente subliñou que “é fundamental a simplificación administrativa das axudas para poder estar presentes en países terceiros e así mellorar os datos de exportación”.
Pola súa banda, o ministro de Agricultura comprometeuse a ter en conta esta demanda no proceso de transposición do paquete do viño á normativa estatal, unha medida que podería facilitar o acceso das pequenas Denominacións de Orixe aos recursos de promoción exterior.
A participación da DO Ribeira Sacra neste tipo de encontros forma parte do seu traballo continuo de seguimento dos asuntos que afectan o sector vitivinícola, co obxectivo de defender os intereses de adegas e viticultores amparados e garantir a igualdade de oportunidades entre territorios.