SanidadeÚltima hora

A eclipse convértese nunha xornada de humanización para os pacientes de Oncohematoloxía do CHUO

Pacientes e familiares puideron seguir o fenómeno desde a cuberta terapéutica do hospital, acompañados polos profesionais do servizo

 

A  eclipse solar vivida esta tarde convertíase tamén nunha oportunidade para compartir, convivir e facer máis amable a estancia hospitalaria dun grupo de pacientes de Oncohematoloxía do Hospital Universitario de Ourense e das súas familias.

Coincidindo con este fenómeno excepcional, pacientes e familiares tiveron a oportunidade de subir á cuberta terapéutica do Hospital Universitario de Ourense, onde puideron seguir o transcurso do eclipse acompañados polo persoal sanitario e non sanitario do servizo.

Equipados en todo momento coas correspondentes gafas homologadas para a observación segura do eclipse, cedidas pola tenda de ILLUNION do hospital, os participantes gozaron dunha tarde diferente nun espazo ao aire libre, compartindo a experiencia cos seus familiares, con outros pacientes e cos profesionais que os acompañan diariamente durante o seu proceso asistencial.

A actividade tivo unha especial importancia para pacientes que, debido ás características dos seus tratamentos, poden afrontar procesos de hospitalización longos e prolongados. Saír durante unhas horas da rutina das habitacións e dos tratamentos permitiulles vivir unha experiencia diferente, socializar e compartir un acontecemento extraordinario nun ambiente distendido e afastado, por uns momentos, da dinámica habitual da hospitalización.

A iniciativa enmárcase nas accións de humanización da asistencia sanitaria que buscan atender non só as necesidades clínicas das persoas hospitalizadas, senón tamén favorecer o seu benestar emocional, as relacións persoais e o acompañamento durante procesos asistenciais especialmente complexos.

A xornada foi promovida polo Servizo de Oncohematoloxía do Hospital Universitario de Ourense, coa implicación do conxunto do seu persoal sanitario e non sanitario e co apoio da Dirección do centro.

O eclipse deixou así no Hospital Universitario de Ourense unha imaxe diferente: a de pacientes, familiares e profesionais compartindo xuntos un fenómeno excepcional e convertendo unha tarde de hospitalización nun momento para lembrar.

Back to top button