
O Parque Natural de Enciña Lastra (Rubiá) acollía durante a eclipse solar un encontro moi especial que reunía a preto de 200 persoas procedentes de diferentes lugares e nacionalidades. “Unha xornada marcada pola emoción, a convivencia e, sobre todo, por un comportamento exemplar por parte dos visitantes”, tal e como se sinala dende o propio parque, promotor da iniciativa.
Durante o encontro, os asistentes puideron coñecer como diferentes culturas antigas interpretaban as eclipses a través das súas mitoloxías: desde dragóns que devoraban o Sol ata deuses enfadados ou historias de amantes separados. Unha mirada ao pasado que serviu como introdución á explicación científica do fenómeno.
Tamén se abordaron algunhas das claves que fan que unha eclipse total sexa un acontecemento tan pouco frecuente. A órbita da Lúa está inclinada aproximadamente 5 graos respecto ao plano da órbita terrestre, polo que Sol, Lúa e Terra non se aliñan habitualmente. Ademais, a zona desde a que pode observarse a totalidade é só o 1% da superficie terrestre e esta vez, tivemos a sorte de que esa estreita franxa pasou polo noso territorio.

Os asistentes puideron resolver dúbidas sobre o uso das lentes de observación solar e, durante os minutos de totalidade, desfrutar dun dos momentos máis esperados: a observación da coroa solar e a cromosfera, coas súas erupcións solares.
Os veciños de Biobra ofreceron viño e queixo aos asistentes, contribuíndo á sensacion de calidez e acollida na celebracion. Tras a eclipse, moitos visitantes permaneceron na zona para desfrutar tamén da choiva de meteoros das Perseidas.

Pero se algo hai que destacar da xornada sen dúbida foi o coidado da contorna, din os promotores da iniciativa. “Unha vez finalizada a actividade, os espazos utilizados quedaron absolutamente limpos. Os asistentes recolleron os seus residuos e non deixaron practicamente ningún rastro da súa presenza, ademais, a pesar da importante afluencia de público, o encontro transcorreu de xeito ordenado e sen saturar en ningun momento as estradas de Biobra. Esta experiencia pon de manifesto que unha elevada afluencia de visitantes e o respecto polo medio natural poden ser compatibles cando existe organización, colaboración e responsabilidade”.
