
A mediados de agosto, a provincia de Ourense, e especialmente comarcas como Valdeorras, Viana do Bolo e Vilariño, Terras de Trives e Monterrei; vivían unha emerxencia sen precedentes por mor dunha virulenta e persistente vaga de incendios, con multitude de focos que devastaban o monte e espazos naturais protexidos, pero tamén cultivos e modos de vida, ademais de poñer en perigo a multitude de localidades que, en moitos casos, tiveron que loitar practicamente soas contra as chamas ou mesmo abandonar as súas casas, pola perigosidade do lume.
Da gravidade deses lumes e das súas consecuencias, de como foi a emerxencia e tamén de por que se producen estes chamados incendios de sexta xeración e como poden evitarse de cara ao futuro falamos na ampla reportaxe de “En Portada” da edición de setembro do Periódico O SIL.
Este número saía á rúa a primeiros de setembro e está nos quioscos e librarías dende entón, pero lembrámolo agora con motivo de cumprirse un mes das datas máis críticas e tráxicas destes lumes que devastaban Valdeorras, onde o incendio que se iniciaba o 13 de agosto en Seadur (Larouco) convertíase no máis grave da historia de Galicia cunhas 32.000 hectáreas arrasadas. Quedaba extinguido o 31 de agosto.
Dada a gravidade deste desastre o Periódico O SIL manifestaba o seu pesar e ese sentimento de loito e dor cunha portada completamente negra.
Grazas a todos os que loitaron contra o lume.