A Carballeira de Santa Cruz acollía un ano máis a Gala das Empresas Ourensás, organizada pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO). Arredor de 300 persoas congregábanse neste evento que se consolida como escaparate do bo facer e o talento empresarial da provincia, e que nesta edición rendía unha sentida homenaxe a Marisol Novoa, presidenta da CEO entre 2019 e 2025, falecida o pasado mes de agosto.
Un total de sete empresas recibían un merecido recoñecemento á súa traxectoria nas distintas categorías, que este ano sumou a de Espírito Emprendedor Autónomo, para completar as habituais de Empresa Familiar, Empresa Innovadora, Empresa Sostible, Comercio, Responsabilidade Empresarial e premio José Manuel Pérez Canle á Exportación.
O evento comezou cunha emotiva homenaxe a Marisol Novoa na que, sobre a proxección de imaxes da súa traxectoria na CEO, as vicepresidentas da entidade, Beatriz Gómez e Olga Santos, interviñeron para destacar o seu legado e o traballo desenvolvido á fronte da Confederación a través dos momentos vividos ao seu lado e os recordos que compartiron con todo o público.

A esta gala acudía unha numerosa representación do tecido empresarial provincial e galego, así como de distintas entidades, organismos e administracións desde o ámbito local ao nacional. A benvida correu a cargo de César Blanco, presidente da CEO, quen agradeceu ás empresas asociadas, institucións e colaboradores a súa presenza e apoio, á vez que destacou o crecemento da gala e o recordo a Marisol Novoa, cuxa figura contará cun recoñecemento permanente. César Blanco reafirmou coa súa intervención o compromiso da CEO co fortalecemento do tecido empresarial de Ourense, incluíndo como prioridade para o próximo ano a recuperación da Cámara de Comercio ‘tarefa que require consenso e visión de futuro’, e finalizou facendo un chamamento de apoio ao comercio e as empresas locais, para ‘crear lazos e fortalecer a nosa provincia’ e recoñeceu o esforzo diario das empresas como motor do desenvolvemento económico e social da provincia: ‘Ourense ten todo o necesario para avanzar con firmeza: bos empresarios, traballadores comprometidos, unha formación de calidade, unha universidade excelente, medios de comunicación de referencia e, sobre todo, moitas ganas de crecer’.

No apartado de intervencións institucionais participaron tamén os representantes empresariais da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites,; de Cepyme, Ángela de Miguel; e de ATA, Lorenzo Amor.

Este último defendeu a necesidade de eliminar trabas e avanzar na equiparación de dereitos, subliñando que o bo funcionamento dos autónomos impulsa a economía real, favorece a repoboación dos pequenos municipios e contribúe ao progreso de Galicia e de España; mentres que a dirixente de Cepyme lembrou que as pequenas e medianas empresas representan máis do 98 % do tecido empresarial e xeran a maior parte do emprego, e aproveitou para poñer en valor ás ourensás ‘empresas que crecen, que innovan, que crean emprego e que demostran todo o potencial que ten Ourense cando se lle dá oportunidades e confianza”.
Pola súa banda, Juan Manuel Vieites, representante do tecido empresarial galego, reafirmou o compromiso da CEG co emprendemento e destacou a necesidade de impulsar novas ideas e empresas en Galicia, especialmente mediante a redución de trabas, a simplificación burocrática e unha fiscalidade máis competitiva para as pemes. Sinalou que as previsións de crecemento, aínda que favorables, esixen decisións audaces ante a desaceleración prevista, e pediu priorizar medidas que fortalezan a competitividade no inicio de 2026. Así mesmo, Vieites instou as empresas a seguir investindo e chamou aos responsables públicos a apoiar o crecemento real e o emprego.
Tamén interveu Lino Comesaña, director Institucional de Abanca en Galicia, España Norte e Portugal, quen lembrou que a traxectoria de Abanca avala décadas de apoio a familias, empresas e administracións do territorio, sendo o seu socio fiable para afrontar os principais desafíos, e afirmou a súa vocación de continuar desempeñando ese papel no empresariado ourensán, cuxa realidade coñece ben.

Finalizou a quenda na apertura do acto o presidente da Deputación, Luis Menor, quen subliñou que non se trataba dunha gala máis, senón dunha celebración marcada polo agradecemento e polo recordo dunha referente do empresariado ourensán e pioneira no liderado asociativo, en referencia a Marisol Novoa, de destacouna unha presidencia exercida desde o diálogo, a serenidade e a defensa firme de Ourense, calidades que, segundo sinalou, deixan un legado vivo e inspirador. Engadiu Menor que detrás da presidenta había unha muller cun compromiso absoluto coa provincia.
Recoñecemento ao talento do tecido empresarial ourensán
No transcurso do evento a CEO fixo entrega dos galardóns a sete empresas ourensás que destacaron en espírito emprendedor, sustentabilidade, na súa xestión como empresa familiar, en comercio, en responsabilidade social, en innovación e en exportación. O premio á empresa familiar recaeu en Grupo Academia Postal, do que se destacou a súa consolidación como un referente en formación, con presenza nacional e internacional e proxecto editorial propio.
Posteriormente, foi a quenda para o espírito emprendedor autónomo de Pel Natura, cosmética 100% vegana cuxo modelo combina innovación sostible, uso de materias primas locais e envases responsables, reducindo o impacto ambiental.
A empresa sostible recoñecida este ano é Acoval (Aglomerados e Construcións Valdeorras), “un referente de sustentabilidade no sector da construción en Galicia, integrando xestión ambiental certificada, medición e mitigación da súa pegada de carbono e altos estándares de gobernanza, ademais dun enfoque que a posiciona como empresa tractora na transición ecolóxica do sector”, segundo destaca a CEO.
Recollía o premio María Carmen González, quen agradecía aos organizadores da gala que “pensaran en Acoval para este premio” e confesaba que cando a chamaron para anunciarlle a concesión “quedei bastante sorprendida”. Ademais, explicaba que dende hai varios anos “incorporamos aos nosos procesos de traballo, procedementos para coidar a calidade, despois seguimos co medio ambiente foi como un inmenso pozo, cada vez máis profundo e profundo. É de agradecer que as administracións valoren este esforzo que as empresas facemos para formar parte dun futuro máis sostible”. Explicaba que é un reto complexo levar isto a cabo e nese senso destacaba o labor “das persoas que se ocupan de alimentar o sistema e dos compañeiros que fan que o seu traballo sexa máis fácil”.

Mecanizados Rodríguez Fernández (MRF) recibiu o premio á empresa innovadora, capacidade que aplica a solucións que melloran a seguridade e eficiencia no transporte e a loxística. O seu liderado tecnolóxico reflíctese en patentes concedidas, modelos de utilidade e deseños industriais protexidos internacionalmente.
O premio ao comercio recaeu en Junior, exemplo de empresa local consolidada, con máis de catro décadas de traxectoria baseada no emprendemento familiar, a adaptación constante e a proximidade ao cliente. Na súa evolución soubo crecer e renovarse sen perder identidade, converténdose en referencia para varias xeracións.
Autos González recibiu o galardón que premiou a súa responsabilidade social empresarial, avalada tamén polo selo ‘Empresa Responsabilízache’ da Xunta de Galicia. O seu modelo integra calidade e servizo con valores ambientais, sociais e de bo goberno, anticipándose sempre ás novas esixencias normativas.
Finalmente completábase a entrega, o premio José Manuel Pérez Canle á Exportación foi para Aníbal Metalmecánica Galega, AMG, pola súa sólida proxección internacional, con máis do 50% da súa facturación en mercados exteriores; a súa consolidación como unha peme industrial de alcance global, e o recoñecemento ARDÁN de Empresa Global. A súa especialización en mecanizado de precisión para automoción permítelle competir en mercados esixentes como Alemaña, Estados Unidos ou China.

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, clausuraba esta entrega de premios cunha intervención na que afirmou que o empresariado e a Administración deben traballar conxuntamente para impulsar a creación de riqueza e emprego, e reiterou que o Goberno galego seguirá sendo un aliado para reducir burocracia, reforzar o diálogo e promover o emprendemento. Rueda sinalou ás empresas premiadas como exemplo da fortaleza e o espírito emprendedor da provincia e destacou o papel da Confederación Empresarial de Ourense.

O presidente da Xunta tivo tamén palabras para lembrar a Marisol Novoa, e sostivo que a mellor maneira de honrar a súa memoria é ‘seguir traballando por Ourense e por Galicia como fixo ela’. Un ano máis, este evento reafirma o compromiso da CEO co talento do tecido empresarial da provincia e homenaxea o seu esforzo, creatividade e capacidade de adaptación para continuar como protagonistas do desenvolvemento económico e social de Ourense.

Premios Gala Empresas Ourensás 2025
1º_EMPRESA FAMILIAR – GRUPO ACADEMIA POSTAL
Nada en 1968 a partir dunha iniciativa solidaria e emprendedora, o Grupo Academia Postal consolidouse como un referente en formación, con presenza nacional e internacional e proxecto editorial propio. Destaca pola súa continuidade durante case seis décadas, a transmisión xeracional exitosa e a preservación de valores familiares. O seu impacto educativo e social, xunto co seu compromiso co deporte e a comunidade, convérteno nun exemplo de empresa familiar como motor de progreso e cohesión.
2º_ ESPÍRITO EMPRENDEDOR AUTÓNOMO – PEL NATURA
Pel Natura destaca pola súa aposta emprendedora por unha cosmética sólida, natural, ecolóxica e 100 % vegana, elaborada en Galicia e libre de tóxicos e crueldade animal. O seu modelo combina innovación sostible, uso de materias primas locais e envases responsables, reducindo o impacto ambiental. A iso súmase o seu compromiso social e o seu recoñecemento como proxecto emprendedor de referencia en programas e premios de ámbito galego.
3º_ EMPRESA SOSTIBLE – AGLOMERADOS E CONSTRUCIÓNS VALDEORRAS (ACOVAL)
ACOVAL é un referente en sustentabilidade no sector da construción galega, integrando xestión ambiental certificada, medición e mitigación da súa pegada de carbono e altos estándares de gobernanza. Destaca polo seu compromiso coa igualdade e por apostar pola transparencia mediante a elaboración da súa primeira Memoria de Sustentabilidade baixo estándares GRI. O seu enfoque integral posiciónaa como empresa tractora na transición ecolóxica do sector.
4º_ EMPRESA INNOVADORA – MECANIZADOS RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ (MRF)
MRF destaca pola súa capacidade innovadora aplicada a solucións que melloran a seguridade e eficiencia no transporte e a loxística. O seu liderado tecnolóxico reflíctese en patentes concedidas, modelos de utilidade e deseños industriais protexidos internacionalmente, con especial foco en peches avanzados e solucións electrónicas. Cunha sólida vocación exportadora en máis de 40 países, é un referente de innovación industrial con proxección global.
5º_ COMERCIO – JUNIOR
Junior é un exemplo de comercio local consolidado, con máis de catro décadas de traxectoria baseada no emprendemento familiar, a adaptación constante e a proximidade ao cliente. Na súa evolución soubo crecer e renovarse sen perder identidade, converténdose en referencia para varias xeracións. Destaca ademais polo seu compromiso co asociacionismo comercial e por unha exitosa transición xeracional que garante continuidade e valores.
6º_ RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL – AUTOS GONZÁLEZ
Autos González destaca polo seu compromiso avanzado coa responsabilidade social, avalado polo selo “Empresa Responsabilízache” da Xunta de Galicia. O seu modelo integra calidade e servizo con valores ambientais, sociais e de bo goberno, anticipándose ás novas esixencias normativas. É un exemplo de peme responsable, comprometida coa sustentabilidade e o impacto positivo na súa contorna.

7º_ JOSÉ MANUEL PÉREZ CANLE Á EXPORTACIÓN – ANIBAL METALMECÁNICA GALEGA (AMG)
AMG destaca pola súa sólida proxección internacional, con máis do 50% da súa facturación en mercados exteriores e o recoñecemento ARDÁN de Empresa Global. A súa especialización técnica en mecanizado de precisión para automoción permitiulle competir en países altamente esixentes e abrir unha sede propia en México para reforzar a súa expansión. A súa visión estratéxica e capacidade para operar con éxito en mercados como Alemaña, Estados Unidos ou China consolídana como unha peme industrial de alcance global.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella, cedidas.