
O programa “Galicia Avanza”, destinado á internacionalización de pemes galegas consolidadas ou startups, vén de seleccionar 15 novas empresas para a súa quinta edición, entre elas figura a valdeorresa Castanval. Esta iniciativa poñíase en marcha en 2022 froito da colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, entidade encargada da súa xestión e coordinación.
Das empresas seleccionadas, 11 proceden da provincia de Pontevedra, 2 de Ourense e outras 2 da Coruña. Ao longo dos vindeiros meses, terán a oportunidade de acceder a un programa integral de apoio á internacionalización, que se prolongará ata maio de 2027, con itinerarios personalizados para cada unha delas. Poderán beneficiarse de servizos como a protección internacional das súas marcas e deseños industriais, a realización de estudos e prospección de mercados, a confección de axendas internacionais ou calquera outro que se considere esencial para a súa aceleración nos países de interese.
Produtos innovadores no campo téxtil, náutica, alimentación e cosmética natural
No eido agroalimentario, está representada unha empresa valdeorresa, Castanval. Traballa na produción, selección, transformación e comercialización de castaña; e a súa idea é vender no exterior a súa castaña galega conxelada, enteira ou pelada e adaptada a distintos formatos profesionais.
Unha das firmas seleccionadas fabrica sistemas de protección solar e contra insectos, e quere lanzar ao mercado exterior unha mosquiteira de desenvolvemento propio. Comprometida coa filosofía slow fashion, outra das pemes busca exportar os seus bolsos e complementos de pel de alta calidade.
Seleccionouse así mesmo unha empresa dedicada á reparación, mantemento, reacondicionamento e construción de embarcacións, cuxo propósito é internacionalizar un barco de recreo propio. Hai tamén unha firma centrada na cosmética natural que pretende levar a outros países unha marca e unha plataforma dixital que agrupa produtos de pequenos produtores galegos. Outra, especializada en microbiota, probióticos e complementos alimenticios, quere comercializar no mercado internacional tanto os seus produtos como os seus servizos de formación.
Enerxías renovables, control de pragas e solucións para cidades intelixentes
Formará ademais parte desta edición unha compañía de enxeñaría que deseñou unha plataforma para a xestión, monitorización e optimización de instalacións, infraestruturas e equipos que producen, transportan ou almacenan enerxías renovables. Outra das empresas beneficiarias fabrica biocidas e produtos para o control de pragas con formulacións propias, en particular raticidas, trampas e portacebos. E hai unha firma que quere reforzar internacionalmente as súas solucións de iluminación exterior intelixente, mobiliario urbano sostible e sistemas propios dunha smart city.
Do turismo presencial ao turismo virtual
Entre as pemes beneficiarias, hai unha dedicada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para o sector turístico. Preséntase ao programa “Galicia Avanza” cun software para aloxamentos turísticos que facilita o check-in biométrico, o acceso á habitación e, en xeral, a optimización de procesos neste eido.
Tamén se seleccionou unha empresa tecnolóxica especializada en telecomunicacións e deseño de plataformas dixitais no ámbito do patrimonio, o turismo intelixente e as industrias culturais. Quere internacionalizar unha plataforma na nube destinada a crear e xestionar miradoiros intelixentes, rutas patrimoniais e espazos de interpretación mediante realidade virtual e intelixencia artificial.
As novas tecnoloxías e a intelixencia artificial
Unha das empresas que vai participar no programa comercializa dispositivos electrónicos e busca internacionalizar un smartphone ultrarresistente, con cámara termográfica e telémetro láser integrado para inspección e mantemento técnico. Outra creou unha plataforma para monitorizar, controlar e xestionar en tempo real contornas industriais, infraestruturas e redes de comunicacións. Tamén hai unha firma que desenvolve modelos e moldes 3D de gran formato para fundición e impresoras 3D industriais a medida, solucións orientadas á optimización das cadeas de subministración industriais.
Unha das compañías seleccionadas aplica a intelixencia artificial para mellorar os procesos empresariais. Entre os seus produtos destaca un asistente de ofertas de emprego, produtos e servizos, baseado na privacidade dos usuarios; e un asistente virtual empresarial que mellora a toma de decisións.
Tecnópole
O Parque Tecnolóxico de Galicia é unha sociedade participada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía e Industria. Situado no Concello ourensán de San Cibrao das Viñas, leva máis de tres décadas impulsando o talento e a innovación mediante o seu centenar de empresas tecnolóxicas e os seus centros de I+D. Encárgase desde 2015 da xestión de diversas aceleradoras empresariais, reforzando o apoio ao crecemento e á internacionalización do tecido empresarial. Está especialmente comprometido co desenvolvemento sustentable, a igualdade de xénero e a divulgación científica.