
O persoal de enfermería da área cirúrxica do Hospital Universitario de Ourense organiza os días 17 e 18 de novembro, no Auditorio Municipal de Ourense, as I Xornadas de Humanización do Proceso Perioperatorio, nas que pacientes e profesionais de distintas disciplinas compartirán propostas para mellorar a experiencia do paciente ao longo do proceso cirúrxico.
O encontro xorde dun ensaio clínico realizado por un equipo de enfermería do bloque cirúrxico de Ourense e finalista dos Premios Enfermería en Desarrollo 2025 na categoría de calidade percibida. O grupo que recibiu a sesión informativa presentou menos ansiedade e cifras máis baixas de presión arterial sistólica, o valor máis alto da medición da tensión, antes da cirurxía.
O estudo incluíu 184 persoas que se ían operar de xeito programado. A metade recibiu, ademais da atención habitual, unha sesión duns vinte minutos, na que unha enfermeira explicaba que atoparían no quirófano, quen as atendería, que tipo de anestesia estaba prevista e como sería o acompañamento familiar. A sesión incluía tempo para resolver dúbidas.
Da comunicación do diagnóstico aos coidados na casa
As xornadas desenvolveranse en xornada de tarde con mesas de coloquio e debate integradas por profesionais sanitarios de diferentes disciplinas e pacientes. A primeira mesa analizará como se comunica e como se recibe unha noticia de impacto emocional, que dúbidas aparecen nese momento e como preparar a persoa para a operación. Moderada polo xornalista Antonio Nespereira, participarán José Manuel Domínguez Carrera, xefe de sección de Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo, Ana Fernández Montes, de Oncoloxía Médica, e Eva Villar Arcay, de Anestesioloxía, Reanimación e Tratamento da Dor. A perspectiva dos coidados achegarana as enfermeiras Elisa Cadalla González, de hospitalización cirúrxica, e Alba Alonso González, do bloque cirúrxico. Pilar Pombar Blanco contará a súa experiencia como paciente.
A segunda mesa seguirá o percorrido do paciente desde a súa chegada ao bloque cirúrxico e abordará como se realiza a acollida, que pode explicar cada profesional e como se acompaña a persoa nos momentos previos á intervención e durante a súa estancia no quirófano. Moderada polo cineasta Rubén Rios, participarán o anestesiólogo Ramón del Río Cumbreño, as especialistas en Obstetricia e Xinecoloxía Bárbara Couso Cambeiro e Sandra García Lavandeira, os profesionais de enfermería María José Santamaría Gregorio e César Vicos Padrón, as técnicas en coidados auxiliares de enfermería Silvia Costa García e Nuria María Casado Gil e o celador Adérito dos Anjos Clemente Monteiro. Mónica Fernández Pintos achegará a súa experiencia como paciente.
O mércores a tercería mesa centrarase na recuperación física e emocional, desde a saída do quirófano ata o regreso á casa. Abordará o seguimento en Reanimación e na planta de hospitalización, a continuidade dos coidados en Atención Primaria e o apoio das familias e das asociacións.
Moderará a locutora Montse Estévez Varela e participarán Rosa Villardefrancos Gil, especialista en Cirurxía Vascular e Ana Pastor Zapata, de Neurocirurxía, xunto con Estela Cid Delgado, supervisora de Reanimación, e as enfermeiras Noa de Araujo Rodríguez, de hospitalización de Traumatoloxía, e Beatriz Blanco Salgado, do Centro de Saúde do Carballiño. Tamén intervirán Miguel Quintas, presidente de ALCER, Jesús Alberto Carballo Bouzas, psicólogo de Cruz Vermella, Rocío Taboada Vázquez, traballadora social da Asociación Española Contra o Cancro, e María Domínguez Navarro, como paciente.
A psicóloga clínica Nuria Seijas Fernández, aportará a súa visión sobre a preparación emocional antes da operación e na escoita e o acompañamento durante a adaptación posterior.
A conferencia de clausura correrá a cargo de Josefina Monteagudo Romero, subdirectora de Humanización e Atención á Cidadanía do Servizo Galego de Saúde.
Que axuda a reducir a ansiedade antes da cirurxía
O medo á anestesia, á dor ou ás complicacións, así como a incerteza sobre a recuperación, figuran entre as preocupacións máis habituais antes dunha operación. Explicar con antelación que vai pasar, adaptar a información ao que cada persoa precisa, saber e darlle tempo para expresar os seus medos son formas de reducir esa angustia.
O comité organizador das xornadas está integrado por Alba Alonso González, Cristina Núñez Lois, Manuel Eladio Atrio Padrón, Paula Quintas Vila, Laura Rivero González e Beatriz de Robles Vázquez.