Os trepidantes ritmos do Entroido de Manzaneda, que se estreaba este ano como Festa de Interese Turístico Nacional, envolvían neste Martes de Entroido esta vila. Convertíase en punto de encontro dos fulións deste municipio e tamén doutros chegados de zonas próximas como Trives, Vilariño de Conso ou O Bolo.

O comezo do desfile tiña lugar pasadas ás 11h. coa tradicional petición de permiso en verso, por parte do Fulión da Mourela p’acá (Manzaneda) aos representantes da vila. A partir de aí cobraba vida unha intensa e colorista comitiva na que sobresaían as danzas das diferentes Mázcaras do municipio Manzaneda, ao rtimo de bombos, aixadas, cornas, caixas, gaitas e gadañas.

Nesta ocasión, ademais do fulión citado tamén desfilaban Os Labregos (Trives), o Fulión de Buxán (O Bolo), Sobrado (Trives), o da Parroquia de Cesuris, o da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, A Caniceira (Trives), O Fiadeiro (Trives) e, pechando a comitiva, o Fulión da Parroquia de San Martiño (Manzaneda).

Para organizar o tráfico e velar pola seguridade durante o desfile contábase cun operativo formado polas agrupacións de Protección Civil de Manzaneda, A Rúa, Vilamartín, Petín, Viana do Bolo, San Xoán de Río e Trives, entre outras.
Fotos: A.R.
Vídeos: O SIL.


