Coa entrega da testemuña ao alcalde de Quiroga e a interpretación conxunta do Himno do Antergo Reino de Galicia, no mediodía deste domingo 27 de xullo poñíase o broche ao XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas no campo de competición de Cabeza de Manzaneda.












Remataba así unha fin de semana marcada polos ritmos e sons tradicionais galegos que comezaba na tarde do sábado co VIII Serán da Seitura na memoria de Ludivina Pérez Ricoi (1930-2017) que ademais de actuacións dunha ducia de cantareiras e cantores, rendía homenaxe póstuma a Jacinta Fernández Alonso. Posteriormente, o Festival Noite Celta pechaba esta xornada chea de música tradicional na contorna da Estación de Montaña con actuación do Grupo Áurea, da Banda de Gaitas Agarimo de Catabois, do Conxunto de Xuíces do CCBBGG e das Cantareiras da Real Xuvenil.
E xa na mañá deste domingo tiña lugar a fase final do certame de Bandas, no que participaban máis de trescentos gaiteiros con bandas de toda Galicia. As distintas seccións do Certame completábanse cos campionatos de gaiteiros solistas e bastóns de mando.
Neste último, a campiona maior de 10 anos era Noa González; e no de gaiteiros solistas houbo tres gañadores: Mael Lombardero menor de 10 anos, Noa González maior de 10 anos e Florentino Pájaro maior de 18 anos.











No apartado de bandas de gaitas, no 4º grao o Concello do Bolo, Preparatorio e Castrelo de Miño era subcampioa e Concello de Riós a campioa; no 3º grao, Ladies Band era subcampioa e San Pantaleón da Viñas de Ferrol a campioa; no 2º grao a campioa era Municipal de Chantada xa que a Banda de Gaitas Áurea facía unha exhibición pero non competía. E xa no 1º grao, Agarimo de Catabois era subcampioa e a Real Xuvenil a flamante campioa.
Na entrega de premios, diante do busto de D. Gabino coroado cos dous ramos de flores da ofrenda, estaban presentes alcaldes e concelleiros da Mezquita, Manzaneda, Castrelo de Miño, O Bolo, Chandrexa de Queixa, Parada de Sil, Riós e Quiroga. Tamén estaba o alcalde de San Xoán de Río que nesta ocasión acudía en representación da Deputación de Ourense.
Coma sempre era numeroso o público que aproveitaba o certame e o bo tempo para pasar a mañá na Estación de Montaña Manzaneda onde non faltaron os postos de bica e outros doces, licores, viños e outros produtos da terra, cos voluntarios de Protección Civil pendentes do tráfico e da seguridade, tanto dos participantes coma dos visitantes.













Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella e cedidos.