Ata Vilariño de Conso desprazábanse esta mañá de 26 de marzo o alumnado e docentes da Escola de Pastores de Galicia, dentro da labor formativa e de coñecemento da realidade do sector ovino e caprino que está a desenvolver este centro.
A xornada comezaba cunha recepción no Concello de Vilariño onde a súa alcaldesa, Melia Macía, acompañada por dous dos seus concelleiros, así como pola presidenta de Ovica e pola súa técnica, Maria Jesús Crespo e Cristina Díaz, respectivamente, dáballes a benvida e lles explicaba a fonda vinculación dende ben antigo deste municipio co mundo ovino e caprino. Ademais aconselláballes que aproveitasen a oportunidade que ían ter con esta formación, “que é moi importante, entendo que as prácticas van ser tamén noutros municipios, pero ides poder comprobar como Vilariño é un dos poucos lugares onde se mantén o pastoreo tradicional na serra e ides poder descubrir como se facía a transhumancia, os pastores que soben coa res aos curros, na serra”.
Macía aludía a peso que anos atrás tiña a cabana de ovellas e cabras neste concello, onde cada aldea sumaba ata mil cabezas, e que, co paso dos anos se foi perdendo pola falta de pastores, coas consecuencias que isto supón no control e xestión da biomasa forestal da zona e con problemáticas como a dos incendios.
Tamén explicaba o legado etnográfico desta actividade que pode comprobarse visitando os curros da serra ou tamén o Museo Etnográfico que existe na planta baixa do Concello. Ademais agradecía o labor de Ovica por poñer en marcha esta iniciativa e, de xeito especial, o traballo que desenvolve Cristina Díaz.
Deseguido interviña esta técnica de Ovica, quen explicaba o proxecto da Escola de Pastores e agradecía a implicación e facilidades dadas polo Concello de Vilariño de Conso, “que durante as estancias que desenvolveremos máis adiante vainos deixar as instalacións. Este é un concello gandeiro que se implica e que aposta por este proxecto. Pódese dicir que Vilariño vai ser sede oficial das estancias”.


Ademais interviñan os concelleiros Martín e Germán explicabando a súa experiencia e vivencias ligadas ao pastoreo e, logo desenvolvíase unha quenda de preguntas, nas que os alumnos se interesaban por cuestións como o proxecto da aldea modelo co que conta Vilariño, o problema dos incendios ou como é a vida en Vilariño de Conso.
Despois, os alumnos trasladábanse ao colexio de Vilariño onde se impartían sesións de formación teórica abordando cuestións como as razas autóctonas de gando ovino e caprino. Pola tarde realizábanse unha serie de visitas a granxas, o que lles permitiu ás persoas que se están formando como é a realidade do sector de ovellas e cabras neste municipio e o seu manexo.



A Escola de Pastores de Galicia conta co apoio da Fundación “la Caixa” dentro do seu programa de Acción Social no Ámbito Rural e da Consellería do Medio, así como de numerosos concellos do sur da provincia e do Inorde, co obxectivo de construír unha iniciativa compartida que contribúa a asentar poboación, reactivar a economía local e garantir o futuro da gandaría extensiva en Galicia.
Fotos: Carlos G. Hervella/ cedidas.
Vídeos: O SIL.

